Participarán 22 equipos de 13 clubs das comarcas do Barbanza, Costa da Morte, Santiago, A Barcala e Deza nas categorías benxamín e alevín
O campo de fútbol de Cabanetán (Lesende-Lousame) acollerá o vindeiro martes 1 de maio a sexta edición do Torneo Fútbol Base F-8 Lousame 2018, no que tomarán parte máis de 500 xogadores de idades comprendidas entre os 8 e 11 anos. Un torneo no que se darán cita un total de 22 equipos de 13 clubs das comarcas do Barbanza, Costa da Morte, Santiago, A Barcala e Deza das categorías benxamín (8-9 anos) e alevín (10-11 anos).
Uns datos que foron presentados esta mañá polo presidente do Club Lousame Deporte, Néstor Romero; e o primeiro tenente de alcaldesa, Ramón Martínez; que estiveron acompañados por Eduardo Agraso e José Manuel Outeiral, membros da directiva do club. Ramón Martínez felicitou ao Club Lousame Deporte pola organización do evento e “por levar o nome de Lousame para que o coñezan en moitos lugares”. Así mesmo, desexou que o tempo acompañe o vindeiro martes pois este torneo “é unha actividade non só para os nenos senón tamén para as familias. Non é só unha xornada de deporte e competición, senón tamén unha xornada para compartir en familia”.
Neste sentido, Eduardo Agraso incidiu en que “o que fai diferente o noso torneo e que outros clubs comezan a copiar é que organizamos un día en familia. Por iso, en Cabanetán haberá animación, inchables, sorteo de material deportivo, servizo de cafetería con bocadillos e aperitivos e habilitarase unha zona con mesas e sillas para o xantar no local social de Cabanetán. En definitiva, un día de festa relacionada co mundo do deporte”.
Participantes
Pola súa banda, Néstor Romero explicou que “o torneo reunirá a 22 equipos das categorías benxamín e alevín procedentes de 13 clubs das comarcas do Barbanza, da Costa da Morte, Santiago, Deza e Barcala”. Os equipos participantes son: Noia CF, Outes FC, SD O Pino, Atlético Riveira, Xuventude Aguiño, Bastavales UD, AD Cruído, SD Villestro e Xallas FC, que repiten con respecto ao ano pasado; así como os debutantes desta edición: Sálvora CF, EF Silleda, CD Taragoña, Atlético Fátima e os rapaces das Escolas Deportivas Municipais de fútbol sala de Lousame, “que se animaron este ano a participar”, apuntou Romero.
Os clubs participarán durante a mañá nunha liguiña repartidos en tres grupo de 3 ou 4 partidos, de xeito que ao remate desa fase cada equipo terá xogado 1 hora de partidos (así os partidos nos grupos de 3 durarán 30 minutos fronte aos 20 minutos dos partidos nos grupos de 4 equipos). Unha fase que dará comezo ás 9:30 horas no campo de Cabanetán.
Os dous primeiros clasificados de cada grupo, así como os dous primeiros terceiros, clasificaranse para os cuartos de final, que comezará a xogarse ás 15:15 horas. As semifinais serán ás 17:10 horas e a gran final está programada para as 18:10 horas. “Seremos moi puntuais xa que ás 20:00 horas haberá un partido de categoría senior entre o Lesende e o Recesende, polo que o torneo ten que estar rematado ás 19:00 horas”, puntualizou Néstor Romero. Este encontro é o partido aprazado polo temporal do pasado mes de febreiro, que condicionou tamén a participación de moitos equipos a este torneo, xa que moitos aproveitarán a xornada do 1 de maio para recuperaren partidos atrasados.
Neste sentido, o presidente do Club Lousame Deporte agradeceu especialmente a colaboración do CF Lesende e adianta unha novidade: “imos intentar retransmitir a final e algún partido máis a través de streaming”. Dende o Club Lousame Deporte agradeceron a colaboración do Concello de Lousame, da Deputación da Coruña, do Club de Fútbol Lesende e da Federación Galega de Fútbol, así como dos patrocinadores: Canal-Teec, Excavaciones M. Rodríguez SL., Sóñora Fernández SLU, Muebles Muñiz, Silmaplast, Autos Comparado, Fisioterapia Cinesia, Deportes Casais, Autos Patiño, Paco´s Moda, SGS Gestión de Seguros SL e Lolita Moda.