O conselleiro de Industria cortará a cinta nunha xornada adicada aos empresarios e autónomos da zona. Habilitaranse máis de 13.000 metros cadrados de exposición. O domingo terá lugar a XXIX Degustación do Champiñón na que se estima un reparto de arredor de 3.500 quilos. Paralelamente ACORDES celebrará o seu III Salón Moda & Eventos.
O Concello de Ordes ultima detalles para unha nova edición de ExpoOrdes esta fin de semana. Nesta ocasión Francisco Conde López, conselleiro de Economía, Emprego e Industria, será o encargo de cortar a cinta inaugural mañá venres ás 20.30 horas. Unha primeira xornada especialmente adicada aos empresarios e autónomos da zona. Todas e todos eles estarán respaldados por unha ampla representación da corporación municipal, encabezada polo alcalde José Luis Martínez Sanjurjo, así como representantes institucionais de toda a comarca ordense. Ademais de Ovidio Rodeiro, delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña.
Xa a partir do sábado o público xeral poderá acceder libremente ao recinto, que abrirá as súas portas de 10 a 21 horas. Para o ese día está prevista unha xornada temática especial sobre a Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, ente que contará co seu propio espazo onde se darán a coñecer as novidades e aspectos máis importantes en relación cos sete municipios que a constitúen (Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo). Sen dúbida estes días o posto do Consello Galego de Cooperativas será epicentro do interese do público. En total serán máis de media ducia de marcas as que figurarán e exporán produtos como requeixos e mel (Condado Paradanta), marmeladas (Galifrex), viños (Eidosela), xeados (Bico de Xeado), carne de porco celta (Tres Fuciños), fabas (Terras da mariña) ou fariñas (Milhulloa) entre outros.
135 metros cadrados
Ao igual que nos últimos anos a Asociación de Comerciantes de Ordes (ACORDES) aproveitará o grande escaparate que supón ExpoOrdes para organizar a terceira edición do Salón III Salón Moda & Eventos. Máis de 135 metros cadrados con todo en roupa, calzado, organización de celebracións, lencería, agasallos, viaxes, papelería, fotografía etc de cara ás vodas, comuñóns, bautizos e todo tipo de festexos. Como non, a moda ocupará un lugar predominante como non podía ser doutro xeito, ao tratarse Ordes dun dos referentes máis importantes de toda a provincia neste eido. En total estarán presentes 70 establecementos do municipio.
Últimas novidades
Grazas a ExpoOrdes poderanse coñecer de primeira man as últimas novidades en alimentación, automoción, construción, cooperativismo, agricultura, hostalería, mobiliario, artesanía, téxtil, medio ambiente, enerxías, acción social, deportes, mecánica, maquinaria agrícola e gandeira etc. Unha cita que da que, nas últimas edicións, desfrutaron máis de 35.000 persoas de media. En total serán preto dun centenar de postos os que participarán nunha nova edición da que está considerada como unha das feiras de exposición máis importantes da provincia. Conta cunha superficie que supera os 13.000 metros cadrados, dos cales 3.000 corresponden á carpa instalada no mesmo Campo da Feira.
Feira artesanía
Ademais, ao longo de toda a fin de semana máis de 30 postos formarán parte da feira de artesanía que se instalará na alameda de Ordes. Entre outros obxectos e creacións poderanse adquirir pezas de coiro, bixutería, xoiería, abelorios e elementos feitos con madeira, vidro, doces marroquís, roupa confeccionada con la e gancho para nenos e nenas e persoas adultas, agasallos, patchwork etc.
A nota musical virá na man da Asociación Cultural Camiño Real de Poulo, que actuarán o sábado pola tardiña. O domingo será o momento pra a Banda de Música de Ordes, o grupo de gaitas Sementes da Arte e a charanga Ruada.com.
Agricultura e gandería
Un dos aspectos máis importantes de ExpoOrdes é gran mostra de maquinaria agrícola e gandeira que se dá a coñecer nesta cita. Primeiras marcas e comercios de relevancia acoden para dar a coñecer o último do mercado. Tractores, ensiladoras, muxidoiras, empacadoras etc. Como novidade este ano a empresa Husqvarna instalará un gran tráiler interactivo en cuxo interior todas as persoas que o desexen poderán coñecer o máis avanzado e innovador neste eido.
Para o último día, o domingo 29, Ordes agarda a milleiros de persoas ansiosas por degustar os seus afamados champiñóns. Os bares e restaurantes porán, unha vez máis, todo o seu empeño e bo facer para deixar a todo o mundo satisfeito coa XXIX Degustación do Champiñón. Durante todo o día, con cada consumición, ofrecerán tapas preparadas das máis diversas maneiras. En base a cifras de pasadas edicións prevese que se sirvan arredor de 3.500 quilos deste delicioso cogomelo. Este día contarase coas actuacións do grupo de gaitas e de baile Sementes da Arte, coa Banda de Música de Ordes, ademais da charanga Os campantes da Baña.
Aparcamento gratuíto
Co fin de facilitar o acceso aos milleiros de persoas que cada ano visitan Ordes nestas datas o Concello habilitou máis de 8.500 metros cadrados de aparcamento gratuíto xusto en pleno casco urbano e a escasos metros da zona de mostras.