Trátase dunha iniciativa laboral gratuíta dirixida a persoas desempregadas menores de 30 anos, que se desenvolverá en Ordes durante o mes de abril
Susana García, concelleira de Traballo do Concello de Ordes, presentou onte no Museo do Traxe o programa ‘Soy emprended@r’. A iniciativa, na que participan quince mozos e mozas menores de 30 anos da comarca, desenvolverase ao longo do mes de abril co obxectivo de mellorar a súa empregabilidade.
A iniciativa baséase nun programa teórico e práctico que engloba diversas accións. Estas inclúen formación grupal de 50 horas nas que se desenvolverán competencias clave dirixidas á posta en marcha de novos negocios, titorías individuais e acompañamento por parte de persoas expertas de diversas materias. Corre a cargo da Rede Española de Entidades polo Emprego, Rede Araña e a Fundación INCYDE en colaboración co Concello de Ordes. Ademais conta co cofinanciamento do Fondo Social Europeo, dentro do marco da convocatoria Itinerarios de emprendemento xuvenil de Galicia.
Susana García destacou diversos aspectos do curso. “A adquisición de experiencia, transformación de ideas en realidades, e asesoramento profesional. Todo isto e máis está ao voso alcance grazas a esta iniciativa que estamos a presentar hoxe. Por favor aproveitádeo porque o esforzo destes días, seguramente en moitos casos, suporavos un gran beneficio para o día de mañá”.