Máis de 300 nenas e nenos -e mozos e mozas- do CPI de San Sadurniño ateigaron a principal arteria do centro urbano de San Sadurniño e a campa de xogos tradicionais dos xardíns do Concello co obxectivo de ensinarlle á veciñanza todas as cousas que se fan nas clases de Educación Física. Aínda hai xente que se refire á materia como a “ximnasia” de toda a vida na que se facía algo de exercicio de quecemento e logo cadaquén xogaba a algún deporte. Pouco menos que un pasatempo en horario lectivo que, porén, hoxe é algo totalmente distinto. Un profesorado especializado e moi preparado, con proxectos educativos que van máis aló dos aspectos puramente físicos, fai que a Educación Física se convertese nunha das pedras angulares da formación da rapazada. Unha importancia que poucas veces se deixa ver fóra do colexio e que hoxe, 25 de abril, saltou ás rúas do concello.
O Día da Educación Física na Rúa é unha actividade impulsada aquí en Galicia -o día celébrase tamén noutros puntos do Estado- polo colexio profesional desta área, co obxectivo de visibilizar o labor docente que se desenvolve ao longo do ano académico. “Preténdese darlle visibilidade aos contidos que traballamos nas nosas clases. Noutras materias as familias teñen acceso a libretas e libros para ver o que fan os nenos e nenas… mentres que a nosa queda no pavillón. Entón é unha pequena mostra dos contidos que traballamos tanto en Educación Infantil como en Primaria como en Secundaria”, explicaba esta mañá o profesor do CPI Iván Montes.
Montes sinala, por outra banda, que da Educación Física de antano á que se imparte hoxe nas escolas “houbo un salto cualitativo moi importante”, ao que contribuiu un maior peso da materia do ensino e a especialización do profesorado. Con todo, o mestre indica que aínda existe moito descoñecemento con respecto ao seu valor educativo: “os pais da miña xeración tenden a pensar que se segue facendo o mesmo que facían eles en clase, cando a verdade é que hai unha variedade de contidos, unha variedade de aspectos fundamentais para a saúde e o desenvolvemento como persoas para os que a Educación Física é moi importante”.
Entre as 12.30 e as 13.30h. todos os cursos do Colexio Público Integrado saíron do centro para encheren parte da Avenida Marqués de Figueroa, a praza do Convento do Rosario e tamén a nova campa de xogos tradicionais construída polo Concello na parte baixa dos xardíns municipais, dotada dunha cancha multixogos e de dous campos de chave, ademais de mesas, randeeiras e bambáns.
“Agrupamos as actividades en xogos tradicionais, actividades deportivas e actividades de tipo rítmico e musical”, explicou Montes para contextualizar unha oferta que incluiu, entre outros, o voleibol, o baile moderno, a ximnasia rítmica, o baile tradicional, os malabares, o brilé, a chave, o zapatiño quedo é, as carreiras de relevos, a comba, o aro, os zancos… e así ata case unha vintena de propostas titorizadas polo profesorado do centro, polo Club Brío, o CV Aldebarán e a Asociación de Amigos da Chave de Ferrolterra. Da parte centrada no atletismo ocupouse a instrutora e deportista de elite Paula Mayobre.
Todos os cursos, desde Infantil ata Secundaria, foron rotando por cada unha das propostas, agás as nenas e nenos máis pequeniños, que botaron carreiras e fixeron xogos musicais e psicomotrices sen alonxarse moito do cole. O programa da xornada contou con grande aceptación, aínda que foron as actividades relacionadas coa música e o baile -tradicional e moderno- as que máis tiraron da rapazada.
O Concello colaborou co centro de ensino facilitando valados de protección e coordinando coa Garda Civil o corte de tráfico na Avenida Marqués de Figueroa. Ademais tamén aproveitou este Día da Educación Física na rúa para promocionar o espazo de lecer infantil dos xardíns municipais. A promoción debeu dar resultado, xa que a media tarde eran moitas as nenas e nenos que brincaban na zona aproveitando as raiolas dun sol que non se deixou ver pola mañá.