Friday 22 de November de 2024

O Concello de Brión utiliza o teatro para conmemorar o 25 de novembro


Os locais Trangalleiro Teatro representarán o sábado 29 de novembro “Entre mulleres e homes”, unha selección de sketchs para concienciar á veciñanza sobre a importancia de erradicar a violencia de xénero

O Concello de Brión, ao abeiro do II Plan de Igualdade de Oportunidades entre Homes e Mulleres 2012-2015, optou este ano polo teatro para conmemorar o 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero. E por partida dobre xa que días atrás tivo lugar unha representación para douscentos nenos e nenas do CEIP Pedrouzos e das escolas unitarias de Sabaxáns e da Luaña, e este próximo sábado 29 de novembro unha actuación para o público adulto. Será ás 19:00 horas no auditorio do centro social polivalente.

A sesión correrá a cargo do grupo de teatro afeccionado local, Trangalleiro Teatro, que porá en escena “Entre homes e mulleres”. Trátase de varios sketchs que facemos todos os do grupo relacionados co maltrato, co machismo”, explica Pilar, integrante do grupo que está a coordinar esta actuación especial. Unha actuación coa que “pretendemos ofrecer unha mensaxe con cada sketch que faga pensar ao público”, engade.

Os actores e actrices de Trangalleiro Teatro traballan actualmente nunha nova obra, cuxo estreo viuse atrasado pola morte dun dos membros do grupo. Agora retomaron con brío os ensaios dunha peza baseada no clásico “O traxe novo do emperador”. Dende Trangalleiro Teatro agardan poder estrear en Brión esta nova peza canto antes, aínda que recoñecen que aínda teñen que preparala e ensaiala un chisco máis.