Friday 22 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño homenaxea ás estrelas deportivas do momento


Recepción municipal ao Aldebarán e ao CF San Sadurniño

 

O patio interior da Casa do Concello acolleu na tarde deste martes a recepción oficial aos dous equipos do Aldebarán e do CF San Sadurniño que acaban de pechar unha temporada histórica. No primeiro caso a formación absoluta -o Aldebarán-Intasa- logrou hai escasos días o primeiro posto na SM2 e o pase directo á Superliga, máxima categoría do volei estatal. Ademais, o Aldebarán-Fisioche-Ben feminino tamén acaba de certificar a súa permanenca na primeira división autonómica. Pola súa banda, o equipo prebenxamín do CF San Sadurniño, e tamén por primeira vez na súa historia, conseguiu facerse co campionato ligueiro da zona. No acto, que durou uns 20 minutos, houbo unha chea de felicitacións tanto para deportistas como para persoas que traballan e traballaron durante anos apoiando o labor deportivo de ambos clubs.

Na casa consistorial déronse cita pouco despois das sete da tarde os e as protagonistas da homenaxe na compaña de familiares, persoas pertencentes ás respectivas directivas e membros da corporación. O alcalde, Secundino García, deulles a benvida á sede municipal “nun día especial, xa que culmina un ano que foi magnífico en todo o deporte en San Sadurniño”. Un ano que, segundo García, é resultado do “esforzo” de deportistas, cadros técnicos e doutra xente “que fixo isto posible nun concello de escasos 3.000 habitantes”.

Os primeiros parabéns foron para os benxamíns do CF San Sadurniño “que son o futuro” e un “orgullo” para San Sadurniño. O alcalde animounos a continuar repetindo éxitos deportivos lembrándolles de novo que “o importante non é ganar, aínda que a todos nos guste”. Secundino García tamén lle agradeceu aos adestradores, Antón Senra e Marcos Montero, o traballo feito coa rapazada. Montero, quen falou en representación da escuadra do Sansa, tamén quixo expresar a súa gratitude aos pais e nais e, máis que a ninguén, á cativería, a quen lle dirixiu unhas palabras breves pero sentidas: “conseguimos gañar a liga, pero quedo máis co que disfrutamos e con todo o que aprendemos de vós”.

Na quenda de agradecementos ao Aldebarán -novo equipo de primeira división- Secundino García mostrou a fachenda de todo o Concello porque lograsen “unha meta deportiva impensable” e alentounos a que “sexan o espello onde se poidan mirar os nenos e nenas” e a que “sigan mantendo a humildade” que caracteriza aos seus compoñentes, moitos deles procedentes doutras partes do Estado e do mundo. O alcalde tamén tivo palabras de agradecemento para o adestrador e as rapazas do Fisioche-Ben, que a pasada fin de semana lograron a permanencia na 1ª División Autonómica Senior feminina.

O presidente do club, Juan Manuel García Cobelo, felicitou en primeiro lugar ao club de fútbol e aos nenos e nenas do equipo prebenxamín “polo título e polo seu traballo na canteira durante todos estes anos”. Cobelo rematou a súa breve intervención cun agradecemento “ao Concello e aos patrocinadores e, por último, a estes rapaces e á xunta directiva e colaboradores. Gracias por levar a San Sadurniño á máxima división estatal do volei”.

No transcurso do acto de homenaxe ao volei e ao fútbol, todos e todas as deportistas recibiron unha lámina numerada do artista Leandro Lamas que, tal e como lembrou Secundino García, “ten raíces en Ferreira”. O alcalde anunciou tamén que o músico Roberto Grandal ten xa preparado un himno deportivo para os dous equipos que o propio compositor e afamado acordeonista quere gravar coa rapazada para que sexa a banda sonora das bancadas a partir da vindeira temporada.