Friday 22 de November de 2024

Ovidio Rodeiro visita o centro ocupacional Pascual Veiga e reitera o compromiso da Xunta coas familias de discapacitados


A asociación atende a 26 usuarios que son homes e mulleres adultos, maiores de 18 anos, que precisan apoio e recursos humanos e materiais específicos para conseguir o seu desenvolvemento persoal, social e laboral
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá o centro ocupacional Pascual Veiga na Coruña, unha entidade sen ánimo de lucro que se constituíu no ano 1991 por pais e nais de persoas con discapacidade intelectual. Este centro traballa para formar a persoas con discapacidade intelectual, maiores de 18 anos para que adquiran as destrezas e habilidades que lles posibiliten a súa integración laboral e social. Para iso, esta entidade conta con varios programas formativos que están deseñados para a consecución de distintos obxectivos: elevar a competencia profesional, inculcar bos hábitos e condutas básicas que se poñen en xogo no desempeño de calquera traballo, fomentar a asertividade, etc. Estes programas aplícanse no Taller Formativo de Estarcido e Estampaxe Téxtil e no Taller Formativo de Encadernación e Papelería

A área de Axuste Persoal leva a cabo no Taller de Habilidades da Vida Diaria, onde se promove o desenvolvemento da autonomía persoal, a integración social e o coñecemento da contorna máis próxima, refórzanse coñecementos adquiridos con anterioridade, foméntase a independencia e a iniciativa. O obxectivo deste talleres é conseguir que os usuarios poidan levar unha vida o máis autónoma e normalizada posible, dentro das súas posibilidades.

Ademais dos servizos na área de Formación Ocupacional e de Axuste Persoal, dirixidos aos usuarios, o centro conta cun Servizo de Atención Socio-Familiar. Neste servizo préstase atención individualizada ás familias, informando, orientando e abrindo unha canle de comunicación máis fluído. No 2008 créase a Escola de Familias, concibida como un espazo de reflexión, formación e comunicación coas familias dos usuarios do centro.

Pascual Veiga dispón de 26 prazas das que 22 son concertadas polo que perciben da Xunta de Galicia 9.521 euros mensuais. Esta oferta inclúense dentro da relación de centros con prazas públicas concertadas de discapacitados na provincia. O delegado territorial apuntou que “en concreto na cidade da Coruña a Xunta de Galicia financia 151 prazas para as que destina máis dun millón de euros”.

Ovidio Rodeiro agradeceu á directiva e aos traballadores o labor que desenrolan e sinalou que “A Xunta a través da Consellería de Política Social está a realizar un importante esforzo para ofrecer alternativas reais a persoas que so a través la integración laboral conseguen unha integración real na sociedade”. Ademais destacou que “un dos piares neste ámbito é o apoio aos familiares para que poidan afrontar da mellor maneira posible as súas necesidades”. Para logralo puxo como exemplo o papel que xogan entidades como Pascual Veiga que xa forman parte da identidade desta cidade.