Friday 22 de November de 2024

O PSOE de Ordes organiza este xoves unha charla sobre o futuro das pensións


A charla de Ordes será a primeira dun ciclo provincial de conferencias que organizará a Agrupación Provincial da Coruña

A Agrupación Socialista de Ordes organiza unha charla sobre “O futuro das pensións”, que terá lugar este xoves 26 de abril, ás 19:30 horas, no salón de plenos municipal (baixos da Alameda). A entrada é totalmente libre e de balde. Unha iniciativa promovida pola Agrupación Socialista ordense e que conta coa colaboración da Agrupación Provincial da Coruña, que aproveitará esta charla como a primeira dun ciclo provincial de conferencias sobre o futuro das pensións.

O voceiro municipal do PSOE de Ordes, Alejandro Manteiga, explica que “o obxectivo desta charla é informar aos nosos veciños e veciñas de que é posible soster un sistema público de xubilación, con pensións dignas. E é algo que queremos que saiban tanto aos pensionistas de hoxe, que saíron ás rúas para defender o Estado do Benestar e nos deron o mellor exemplo de como se loita polos dereitos sociais, como ás xeracións que están cotizando agora mesmo e non deixan de escoitar mensaxes da desaparición do sistema público auspiciados polo Partido Popular e que van en beneficio do sector privado”.

Poñentes

O poñentes na charla serán Juan Díaz Villoslada e Matilde Begoña Rodríguez Rumbo, deputados do PSdeG no Parlamento de Galicia, e Pedro Blanco Lobeiras, coordinador dos servizos xurídicos e avogado na UXG Galicia. Serán presentados por Alejandro Manteiga e Antonio Morán Ferreiro, voceiro municipal e secretario de Asuntos Sociais do PSdeG de Ordes, respectivamente.

Tras unha pequena intervención dos distintos poñentes, que explicarán as solucións que propón o partido socialista para garantir unhas pensións dignas para os pensionistas actuais e para os seus netos, abrirase unha quenda de preguntas para que os asistentes poidan resolver todas as súas dúbidas. “Estamos todos os días escoitando un baile de cifras, que se o 0,25, que se o IPC, que se o 3% e queremos que os nosos veciños e veciñas estean o mellor informados posible e poidan resolver todas as súas dúbidas”, indica Alejandro Manteiga.