A tenente de alcalde, María Rozas, presentou este luns o amplo programa de actividades co que o Concello de Santiago e a Asociación José Afonso en Galicia, queren celebrar o 25 de abril. Na rolda estivo o presidente da entidade, Xulio Villaverde.
Tal e como indicou María Rozas, “trátase de reivindicar o día máis importante da historia de Portugal, cando o país veciño recuperou a liberdade” e engadiu que “queremos lembralo para aquelas xeracións que non teñen na memoria o que significou a revolución dos cravos”. Xulio Villaverde recordou que o Zeca Afonso interpretou, no parque do Burgo das Nacións, “o Grándola Vilamorena dous anos antes de que comezara a revolución en Portugal”.
“Galiza com o 25 de abril sempre” é o nome do amplo programa de actividades que se levarán a cabo na cidade, en colaboración cos concellos de Santiago e Rianxo co gallo de dar a coñecer na comunidade os acontecementos do 25 de abril.
Cinema, un coloquio, unha exposición e música nas rúas de Compostela e Rianxo servirán para achegar a Galicia protagonistas dos feitos que conseguiron acabar coa ditadura salazarista e traer a liberdade a Portugal. A consigna “É nosso dever fazer de todos vos dias ou dia dá liberdade?”, do capitán Salgueiro Maia, pódese ler no cartel que foi deseñado pola AJA-Galicia sobre unha obra do ilustrador José Antonio Fundo. Con este fío condutor quere a Asociación José Afonso divulgar historia e cultura de Portugal entre a mocidade galega, un dos obxectivos desta entidade. Nesta ocasión, as persoas interesadas poderán adquirir camisolas, bolsas, pins e mesmo a reprodución numerada dun cartaz conmemorativo do 25 de abril que forma parte da exposición da colección que se exhibirá en Rianxo e logo percorrerá diversas vilas e cidades.
As actividades dan comezo co “Cine de abril”, coa proxección de Bom povo português, de Rui Simôes, e O cravo da liberdade, de Andreia Marques. Será hoxe luns ás 19:30 horas, no Centro Xove da Almáciga. A palestra “Os días de liberdade” contará coa participación de Camilo Mortágua, capitán de abril, que interveu nos asaltos ao paquete Santa María e ao Banco de Portugal que serviron para financiar a revolución; e da xornalista e profesora Margarita Ledo, exiliada en Portugal en 1974. Será mañá martes, ás 19:30 horas na Facultade de Historia.
A presentación da exposición “Os cartazes do 25 de abril” será o mércores 25 ás 17:30 no Auditorio Municipal de Rianxo e contará coa intervención da historiadora Alba R. Silgo. Nesa mesma data haberá unha Ruada do Grândola, que percorrerá as prazas da zona vella de Compostela, con saída ás 21:00 da praza do Pan (praza de Cervantes), con festa e cantar colectivo. Estará amenizada polos Enxebres de San Lázaro.
Finalmente a praza do Pan acollerá o sábado 28 de abril, ás 19:00 horas, o concerto “Abril, sempre”, coa participación dos artistas portugueses Manuel Esse “Trío” e Manuel Teixeira & António Rosa, que interpretarán cancións protesta e de intervención para lembrar os feitos da Revolución dos Cravos e a traxectoria de José Afonso.