Friday 22 de November de 2024

O Concello de Lousame homenaxea a Dosinda Montero Romero no seu 100 cumpreanos


Esta veciña de Aldeagrande, única centenaria do municipio nestes momentos, celebrou a data cunha gran festa con 54 dos seus familiares

O Concello de Lousame homenaxeou esta fin de semana á súa veciña Dosinda Montero Romero co gallo do seu 100 cumpreanos. A alcaldesa lousamiá, Teresa Villaverde, e o vicepresidente do Club de Xubilados de Lousame, Carlos Filgueira, entregáronlle a Dosinda Montero unha placa conmemorativa do seu cen cumpreanos e un ramo de flores no transcurso dunha gran festa organizada pola familia no restaurante Benjamín, de Vilachán (Rois). Unha celebración á que asistiron 54 familiares de Dosinda procedentes de todas partes de Galicia e mesmo do estranxeiro.

Teresa Villaverde felicitou a unha Dosinda moi emocionada por todos os actos que estaban tendo lugar nesa xornada. Non só tivo folgos suficientes para apagar as velas do seu pastel de cumpreanos, senón que tivo que facelo varias veces para poder fotografarse con todos os familiares presentes: coas fillas, cos netos, cos bisnetos… Incluso tivo o bo humor de bromear coas súas netas, rematando netas e avoas coa cara manchada pola nata dunha das tartas.

Dosinda Montero Romero (Aldeagrande, 16/4/1918) é nestes momentos a única persoa centenaria en Lousame e se atopa ben de saúde, xa que segundo confirma unha das súas catro fillas “razoa perfectamente e só ten problemas de oído, polo que ou se lle fala máis alto ou ela se guía polos beizos de quen lle fala”. Dosinda viviu toda a súa vida en Aldeagrande (Lousame), onde se dedicou ao traballo da casa e do campo. Viúva dende hai uns anos, tivo dez fillos, dos que só quedan cinco con vida, e conta con 22 netos, 27 bisnetos e 4 tataranetos, moitos deles presentes esta fin de semana na festa de cumpreanos.