A construción das cinco fragatas F-110 suporán un volume de contrato que alcanzará un importe aproximado de 4000 millóns de euros e xerará dez anos de traballo para a factoría de Ferrol
O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e a presidenta da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), Pilar Platero, avaliaron hoxe os plans de Navantia para Galicia, así como o Plan estratéxico que a SEPI está a ultimar para a compañía.
Durante unha xuntanza mantida hoxe en San Caetano, Feijóo e Pilar Platero abordaron, en primeiro lugar, o importante impacto que os orzamentos estatais, aínda pendentes de tramitación parlamentaria, terán sobre Navantia e, en concreto, sobre a ría de Ferrol. Non en van, a construción das cinco fragatas F-110 suporán un volume de contrato que alcanzará un importe aproximado de 4000 millóns de euros e xerará dez anos de traballo para a factoría de Ferrol, onde manterá ao redor de 7000 empregos anuais directos e indirectos.
Ademais do programa das fragatas, que xa ten reservados 250 millóns de euros consignados como anticipo financeiro nos Presupostos do Ministerio de Economía, Industria e Competitividade, os estaleiros da ría reforzarán os seus niveis de ocupación coa finalización do sexto buque de acción marítima (BAM). A isto súmase o programa en curso dos buques loxísticos para Australia, a enxeñaría do buque de asalto anfibio para a Mariña turca e a colaboración no programa de fragatas para a Mariña australiana, ademais da actividade na área de enerxía eólica e de reparación de gaseiros.
O presidente da Xunta tamén avaliou con Pilar Platero as últimas novidades sobre o Plan estratéxico de Navantia que, nestes momentos, segundo explicou a presidenta da SEPI, se está a negociar cos sindicatos e que prevé unha carteira de pedidos de 11.000 millóns ata 2022.
Nesta liña, ambos os dous analizaron os avances na internacionalización da empresa, a modernización dos centros coa incorporación de novas tecnoloxías ou o desenvolvemento da dixitalización e a aplicación dos principios do Estaleiro 4.0.
Durante a xuntanza, o responsable do Goberno galego reiterou o pleno compromiso da Xunta co sector, reflectido, por exemplo, no eido da formación, co desenvolvemento dun plan de formación específico para o naval ao que se destinan 12 millóns de euros para cualificar 3000 traballadores.