Friday 22 de November de 2024

A Xunta avoga por avanzar na atención e na investigación para mellorar as vidas das persoas con Dano Cerebral Adquirido


O Goberno galego garante a continuidade do apoio ás persoas afectadas por esta lesión e aos seus familiares na procura de achegar solucións que contribúan a normalizar a súa situación

O secretario xeral da Consellería de Política Social, Francisco Javier Abad Pardo, participou na inauguración da II Xornada sobre Dano Cerebral Adquirido que organizan a Fundación María José Jove e a Asociación de Dano Cerebral Adquirido da Coruña (Adaceco). O encontro, que levou por título ‘Máis alá do ictus’ e no que participaron profesionais e investigadores nos ámbitos da medicina e a saúde, tiña como obxecto afondar na atención e nas técnicas de recuperación e de mellora do benestar da vida das persoas afectadas por esta lesión.

Na súa intervención, o responsable da Consellería reiterou o compromiso da Xunta de Galicia de continuar co apoio ás persoas con dano cerebral adquirido e aos seus familiares na “procura de achegar solucións que contribúan a normalizar a súa situación”. Nesta liña, destacou a importancia de que este evento “sirva para afondar tanto no coñecemento do dano cerebral e no seu tratamento dende diversas disciplinas como no apoio e atención ás familias, xa que estas tamén se ven afectadas cando no seu entorno hai unha persoa con esta problemática”.

Ademais, Abad Pardo enxalzou o traballo das entidades en prol de mellorar a calidade de vida das persoas con dano cerebral e avogou por seguir afondando na colaboración e coordinación coas mesmas coa finalidade de “continuar ampliando, entre todos, a cobertura dos servizos destinados a estas persoas”. De feito, explicou que Galicia é pioneira en ter unha carteira específica de servizos sociais dedicado a esta materia, o que permite unha maior especialización e poñer en marcha programas concretos para todos os colectivos: alzhéimer, discapacidade intelectual, parálise e dano cerebral etc.

Por último, o secretario xeral indicou que “a pesar dos avances dos últimos anos aínda queda moito por facer, como seguir sensibilizando á sociedade con respecto ao alcance e á dimensión do dano cerebral, impulsar e apoiar todas aquelas iniciativas que se dirixan a favorecer a integración destas persoas e seguir afondando no coñecemento e na investigación”, concluíu.