Friday 22 de November de 2024

O Concello de Moeche suscribe coa Asociación ecuestre 23 de Abril o convenio de colaboración na feira do cabalo deste ano


O consistorio achega 6.000 euros, ademais de axuda loxística para a organización do evento deste luns
Beatriz Bascoy e o presidente da Asociación ecuestre 23 de Abril, Alenandro Aneiros, rubricaron este xoves o acordo de colaboración entre a entidade e o Concello para levar adiante a feira cabalar que se desenvolverá o luns en San Ramón. O convenio establece unha achega municipal de 6.000 euros para os gastos organizativos, pero tamén a axuda por parte do Concello no referido a equipamentos e na coordinación de seguridade. Pola súa banda, a asociación asumirá, entre outros cometidos, a preparación do recinto, o seguro de responsabilidade civil e todos os aspectos relacionados co desenvolvemento das actividades do evento.

Neste sentido, a Asociación ecuestre 23 de Abril levará o control das probas -cronometraxes, xulgamentos, entrega de trofeos, etc.- e dos animais inscritos, así como a xestión de como se distribuirán os postos que acoden exclusivamente a esta cita co mundo equino e non ao resto de feiras mensuais que teñen lugar en Moeche. Ademais, segundo o convenio, a entidade deberá limpar o espazo ao remate do evento e soportar os custes da presenza de persoal médico na ambulancia contratada polo Concello.

A administración local subministrará os trofeos e os valados de protección cos que se acordonará a zona das probas, ademais de adquirir o compromiso de tramitar perante a Xunta a asistencia dos servizos veterinarios que sexan necesarios. O Concello tamén colabora con insercións publicitarias en medios, imprimindo os carteis da feira, preparando o espazo antes do 23 e xestionando a axuda das agrupacións de Protección Civil da comarca e das forzas de seguridade.

Xunto con esta colaboración loxística, a Asociación ecuestre 23 de Abril recibirá 6.000 euros en concepto de axuda, a metade trala sinatura do convenio e a outra metade no momento de presentar a xustificación dos gastos, que a entidade deberá efectuar antes do 30 de xuño a menos que obteña unha prórroga por razóns debidamente xustificadas.

Milleiros de persoas visitarán Moeche este luns, que tamén é Día do Libro
A Feira do 23 de abril é o evento máis multitudinario de todos cantos se desenvolven ao longo do ano en Moeche. A data do San Xurxo está sinalada no calendario como festivo local, día de feira do 23 e día da tradicional feira equina á que acoden ducias de cabaleiros e cabaleiras de toda a volta para participaren nas probas de andadura galega e trote ou para lucir diante de milleiros de persoas a beleza das súas monturas.

Porén, o 23 de abril é tamén Día Internacional do Libro, conmemorando o pasamento de Cervantes e Shakespeare, dúas das grandes figuras da literatura universal.

Moeche é un dos 30 concellos seleccionados pola Vicepresidencia da Deputación da Coruña para desenvolver o programa Libros para sermos libres, a través do que o ente provincial distribuirá 6.000 obras literarias con motivo da celebración cultural.

Cada concello recibirá 200 exemplares para agasallar nun espazo público. No caso de Moeche elixiuse a parte dianteira da Casa do Concello, onde o luns se habilitará un pequeno lugar para distribuír os libros doados pola Deputación. Son exemplares de poesía, ensaio, teatro, fotografía, investigación, pintura, banda deseñada ou literatura infantil, moitos deles premiados nos diferentes certames provinciais, que saltarán do almacén da Deputación á biblioteca de calquera amante da lectura que pase por Moeche o día de San Xurxo… que, folga dicilo, é día de feira, e día da feira do cabalo.