Friday 22 de November de 2024

A Casa da Cultura de Lousame acolle este domingo o espectáculo musical “Camiños”, do compositor Magín Blanco


A Casa da Cultura de Lousame acollerá este domingo 22 de abril, ás 19:00 horas, o espectáculo musical “Camiños”, do músico e compositor galego Magín Blanco. Unha actividade organizada polo Concello de Lousame, en colaboración coa Deputación da Coruña, e que servirá para conmemorar o Día do Libro. O acceso será totalmente libre e de balde.

“Camiños” é un espectáculo musical de 50 minutos de duración baseado nun libro e CD editado por Magín Blanco en novembro de 2017. Trátase dunha actuación que mestura música, teatro, poesía e contos que buscan enriquecer a imaxinación e a creatividade dos nenos e nenas. Entre os textos e contos empregados en “Camiños” figuran autores como Carlos Meixide, Víctor Freixanes, Ledicia Costas, Francisco Castro, Paula Carballeira, Anxos Sumai, Marta Somoza, María Lado, Antonio García Teijeiro e Eva Mejuto.

Agasallo de libros

E o luns 23 de abril, Día Internacional do Libro, o Concello de Lousame agasallará a todos os veciños e veciñas que se acheguen ás 18:00 horas pola Casa da Cultura cun libro. Isto é así porque o Concello de Lousame é un dos trinta concellos que se sumaron á campaña “Libros para sermos libres” da Deputación da Coruña. Entre os libros que se entregarán á veciñanza atópanse exemplares de poesía, ensaio, teatro, fotografía, investigación, pintura e banda deseñada editados pola Deputación da Coruña co gallo de premios como o Torrente Ballester, o Rafael Dieste, o Murguía, o Castelao ou o González Garcés.