Son quen coida todos os días do meu pai, da miña nai… do meu sogro ou sogra, dun fillo ou unha filla con algún tipo de discapacidade… pero, ¿quen me coida a min ante a sobrecarga física e emocional que supón esta situación?, ¿de que maneira poido sobrelevala sen ter que renunciar á miña propia vida nin tampouco ao meu futuro?. Esas son as dúas grandes preguntas que deberían facerse moitas persoas -a maioría delas mulleres- que fan en silencio e sen coñecementos profesionais un labor social e humano que case nunca ten a visibilidade que debera nin tampouco unha compensación suficiente a través da Lei da Dependencia. Neste sentido, a Deputación da Coruña e a Fundación Mujeres puxeron en marcha nunha ducia de municipios da provincia, entre eles San Sadurniño, o Servizo de Apoio Integral a Coidadoras no Medio Rural, co que se pretende mellorar a calidade de vida das persoas coidadoras, excoidadoras e futuras coidadoras, ademais de promover o seu desenvolvemento persoal e social. A Casa da Xuventude de San Sadurniño acolleu este xoves unha charla sobre a iniciativa, que ofrecerá obradoiros gratuítos para aquelas mulleres e homes que atendan persoas dependentes e que queiran aprender a “autocoidarse”. Prevese que estas sesións comecen a finais de maio e que se prolongarán varios meses. Será o propio grupo quen marque os días e horarios dos encontros. Para participar neles é necesario inscribirse antes do 15 de maio chamando ao 981 490 027 (ext.1).
Na presentación do SAIC Rural participaron o edil de Servizos Sociais e deputado provincial Suso Soto e maila técnica da Fundación Mujeres, María Hervada. Soto introduciu o proxecto sinalando que a Lei da Dependencia aprobada en 2006 é “moi ambiciosa nos seus obxectivos” pero que, porén, non veu acompañada de dotacións orzamentarias “suficientes” para cubrir os coidados no fogar sustentados por familiares que na maior parte dos casos “non dispoñen dos coñecementos que teñen as persoas profesionais desta área”. Neste contexto, o responsable municipal de Servizos Sociais, destacou medidas alternativas que, coma esta, “lle sirvan á veciñanza” para mellorar a súa calidade de vida coa aprendizaxe de técnicas de autocoidado.
Desas técnicas falou María Hervada en representación da Fundación Mujeres, desde onde se lle brinda ás mulleres información e asesoramento persoal sobre dependencia e coidados, apoio individual para comprender e abordar as emocións e os malestares derivados da situación de coidar a outra persoa, así como actividades grupais para adquirir hábitos máis saudables.
“Xeralmente o que estamos vendo é que están acudindo á fundación coidadoras familiares que toman máis medicación que as persoas ás que están coidando. Teñen trastornos musculares e esqueléticos, problemas nas costas, toman tratamento para a depresión derivado da situación… é curioso que moitas son diagnosticadas de fibromialxia a raíz do rol de coidadoras. Tamén vemos que a sobrecarga emocional e física son sinais de alarma brutais. Por iso lles dicimos que se elas mesmas non se coidan, a medio prazo, en lugar dunha persoa dependente teremos dúas “, explica Hervada.
Para atallar estes problemas, o Servizo de Apoio Integral a Coidadoras no Medio Rural posto en marcha pola fundación e a Deputación da Coruña, ofrece unha serie de obradoiros participativos onde aprender e compartir experiencias, marcando ao mesmo tempo pautas sobre como evitar que a responsabilidade dos coidados dunha persoa dependente se convirta no único eixo arredor do que xire a vida da coidadora ou coidador. “A finalidade é que tomen conciencia de que necesitan autocoidarse, que precisan reservar tempo para mellorar a súa calidade de vida e o seu autocoidado. ¿Como? Neste servizo que temos en marcha noutros 11 concellos realizamos talleres grupais nos que falamos de hábitos saudables, de xestión emocional, xestión do tempo, como poñer límites a unha situación de coidados, de como mellorar as habilidades sociais para mellorar as relacións coa familia e o entorno, para que logo non repercuta neses sinais de alarma”.
Segundo María Hervada, unha das partes máis importantes do proceso é ser conscientes da situación persoal. Dores musculares, estrés ou insomnio que só se palía con medicamentos son eses sinais que cómpre detectar a tempo e nos que insiste a técnica. Aspectos todos eles sobre os que se traballará nas sesións que en San Sadurniño comezarán dentro dunhas semanas: “o primeiro é preguntarse ‘¿quen coida de min?’, precisamente para tomar conciencia de quen coida de quen e como debo mellorar o meu coidado: hábitos posturais, alimentación saudable, relaxación e hixiene do sono… porque moitas mulleres coidadoras toman medicamentos para durmir. Logo tamén falaremos do proxecto vital e persoal, de que ocorre cando a persoa dependente falece, que pasa despois coa miña vida, porque moitas mulleres deixan de traballar para coidar unha persoa e despois élles moi difícil volver incorporarse ao mercado laboral”.
Os talleres grupais que se impartirán en San Sadurniño van dirixidos principalmente a mulleres posto que son elas as que na actualidade asumen a responsabilidade. “Segundo o INE, o 84% das persoas coidadoras son mulleres”, comenta Hervada, quen sinala que tamén nesta situación se producen grandes desigualdades de xénero. “Hai noras que deixan o seu traballo para coidar dos sogros, pero é moi raro que un xenro faga o mesmo”, asegura a técnica da Fundación Mujeres.
Aínda que a orientación feminina das sesións atenda á realidade actual, o obxectivo dos encontros tamén é apostar pola corresponsabilidade cando se fala do coidado de persoas dependentes, de aí que, tal e como puntualizaba esta mañá a Traballadora Social do Concello, Cristina Paz, “nos obradoiros tamén poden participar homes”, dado que están pensados para persoas que foron coidadoras ou que aínda hoxe coidan, pero tamén como unha formación para quen se poida ver nesa situación no futuro, sexan homes ou mulleres.
Paz engade que da charla introdutoria de onte -á que asistiron unha vintena de persoas- saíron peticións para formar un grupo, que se reuniría durante dúas horas unha vez por semana para ir desenvolvendo máis en profundidade as actividades propostas polo persoal técnico da Fundación Mujeres, encargada de titorizar os obradoiros.
De momento non hai marcadas datas nin horarios concretos, que se adaptarán ás preferencias maioritarias das persoas participantes. “Empezariamos a finais de maio ou principios de xuño, no verán faríase unha pequena parada e logo reanudaríanse as actividades. Nestes momentos hai persoas suficientes para facer un grupo, e se hai máis xente interesada poderiamos formar outro”, explica Cristina Paz.
En calquera caso, para apuntarse só hai que chamar ao teléfono de Servizos Sociais, 981 490 027 extensión 1. A data límite que se fixou para as inscricións é o 15 de maio. Por outra banda, cómpre lembrar tamén que o SAIC Rural da Deputación e a Fundación Mujeres ten unha liña aberta para solicitar información ou asesoramento a través do 981 294 097.