O PSOE de Ordes buscará o apoio do resto de grupos municipais no Pleno de mañá venres para instar á Xunta a arranxar o grave deterioro que sufre o inmoble do ximnasio do colexio Castelao e habilitar unha sala de espera pediátrica digna no centro de saúde. “Dous exemplos das consecuencias dos recortes que levamos ao lombo nos últimos anos de Goberno do Partido Popular e que están afectando directamente ao gasto social, ao ensino e á sanidade”, lamenta o voceiro municipal socialista, Alejandro Manteiga.
Por iso, Manteiga sinala que “pretendemos que a Consellería de Sanidade habilite unha sala de espera pediátrica digna para esta consulta, pois tanto os nenos e nenas coma os seus familiares están sufrindo unha situación precaria na que teñen que agardar nun estreito corredor que rexistra altas temperaturas no verán e que, ademais, é zona de paso de médicos e pacientes”.
Os socialistas lembran que unha sala de espera pediátrica dun centro de saúde debe dispoñer do espazo necesario para evitar aglomeracións, recomendándose que o espazo mínimo entre pacientes sexa de 1 metro; estar dotada dun sistema de ventilación adaptado ás súas necesidades; ou dispoñer de xel para a desinfección das mans. Cuestións todas elas que non se incumpren no centro de saúde de Ordes.
Colexio
No caso do colexio Castelao, Manteiga lamenta que “a Consellería de Educación non preste toda a atención necesaria ao estado no que se atopa o ximnasio do Castelao, que presenta un grave deterioro na súa estrutura”. Os socialistas instarán ao Concello de Ordes a dirixirse á Consellería de Educación para que se deixe de recortes en ensino, sanidade e gastos sociais e proceda a arranxar canto antes o estado do inmoble.