Friday 22 de November de 2024

Comezan os trámites para a modificación do PXOM nos ámbitos da Finca do Espiño e do vello Colexio Peleteiro


O Pleno da Corporación municipal debaterá esta tarde a proposta para remitir á Xunta as modificacións puntuais do PXOM nos ámbitos do vello Colexio Peleteiro e da Finca do Espiño, co obxectivo de que a Secretaría Xeral de Calidade Ambiental inicie os correspondentes procedementos de avaliación ambiental.

O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, lembrou que, deste xeito “o Goberno cumpre o compromiso adquirido en maio de 2017, cando impulsou a suspensión temporal da concesión de licenzas nos dous solos para mellorar a súa ordenación urbanística e adaptala ás necesidades actuais”. O edil explicou que “os borradores asociados ao procedemento de avaliación ambiental son documentos abertos, que contemplan varios escenarios posibles e que haberá que perfilar de cara á aprobación inicial das modificacións, agardamos que á volta do verán”.

Peleteiro
O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade explicou que a modificación puntual do PXOM no ámbito do vello Colexio Peleteiro “nace da necesidade de adaptarse ao momento actual, que recomenda favorecer o pequeno comercio local no centro urbano e non impulsar a creación de novos centros comerciais, tal e como se prevía para esta zona do Ensanche en 2005”. Tamén se pretende “ordenar a distribución do volume edificable de forma máis acorde co existente no contorno”.

Jorge Duarte lembrou que o actual PXOM contempla 23.500 metros cadrados de edificabilidade máxima, entre 10.000 e 12.000 de uso comercial, 7.000 metros cadrados de uso hoteleiro ou residencial comunitario e un máximo de 4.500 metros cadrados para vivenda. O concelleiro insistiu en que “despois de falar co tecido asociativo do Ensanche, ratificamos que a primeira decisión tiña que ser limitar o uso comercial á planta baixa, nunha superficie que non chegará aos 4.000 metros cadrados”. Ao mesmo tempo, “apostamos por incrementar a superficie destinada a vivenda, pero coa condición de que cando menos o 20% sexa vivenda protexida en réxime de alugueiro, porque queremos que calquera persoa teña dereito a acceder a unha boa vivenda nunha boa localización”.

O concelleiro explicou que “o documento de avaliación ambiental que lle será remitido á Xunta inclúe diferentes solucións para o desenvolvemento do ámbito, tendo en conta as propostas que foron achegando diferentes promotores ao longo dos anos”. Jorge Duarte sinalou que “despois do período de exposición pública do documento de avaliación ambiental, de dous meses, adoptarase unha decisión sobre cal é a solución máis acaída para este ámbito”. O obxectivo do concelleiro é que a Modificación Puntual do PXOM sexa aprobada inicialmente á volta do verán.

Finca do Espiño
Na Finca do Espiño, a modificación do PXOM formulada ten como obxectivo principal “preservar a singular calidade paisaxística e ambiental do ámbito, minimizando o impacto das novas edificacións para que non se perciba unha ocupación agresiva”. Jorge Duarte lembrou que “partimos dun convenio urbanístico asinado en 2004, baixo uns criterios que non son os actuais no relativo á protección do patrimonio natural e do patrimonio xa construído”. Para iso, explicou, “reduciremos de forma considerable a superficie edificable lucrativa permitida polo Plan vixente, integrándoa ademais no volume xa construído no Carme de Abaixo, dándolle continuidade ao uso de vivenda nesa rúa, e posibilitando a apertura dunha nova rúa cara o parque”. Ao tempo, ampliarase a superficie do parque público, incorporando os terreos que no actual PXOM era edificables e que agora deixan de selo.

O edil de Espazos Cidadáns indicou que no actual Plan Xeral de Ordenación Municipal prevese un volume edificable na Finca do Espiño de 10.500 metros cadrados, destinados a usos asistencial, sociocultural, sanitario, hoteleiro e residencial comunitario. Coa modificación prevista, a superficie edificable lucrativa redúcese ata 2.000 metros cadrados, e incorpóranse novos usos lucrativos que sexan compatibles coa volumetría prevista, incluído o de vivenda, pero tamén co condicionante de que o mínimo do 20 por cento sexa vivenda protexida.

Jorge Duarte explicou que na proposta que hoxe vai ao pleno tamén se inclúen diferentes alternativas, condicionadas pola situación urbanística do contorno, e das que tres son consideradas “válidas tecnicamente: unha que non prevé ningunha nova edificación, outra que contempla unha edificación, e a terceira que prevé tanto un novo volume construído dun máximo de 2.000 cadrados como a rehabilitación dunha vivenda tradicional xa existente no ámbito e que na actualidade está oculta pola vexetación”. O concelleiro aclarou que “o Goberno prevé chegar a un acordo sobre a opción definitiva, tanto co tecido asociativo da zona como cos grupos da oposición”. O prazo para ter o documento da modificación do PXOM para a súa aprobación inicial é tamén o mes de setembro.