Friday 22 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño reinicia as obras na rede viaria interrompidas polo mal tempo


Aínda que o tempo destes días non é o habitual, as previsións meteorolóxicas indican que a primavera chegou para quedar e que a partir de agora o sol será a tónica xeral ou que, en calquera caso, non veremos tanta auga nin os temporais que nos azoutaron desde decembro. E é que o encadeamento de borrascas non só trouxo auga abondosa e necesaria, senón que tamén freou en seco ou retrasou algunhas obras na rede viaria que xa estaban empezadas, como por exemplo as do programa de rebacheos por todo o municipio ou parte dos proxectos para arranxar varias pistas incluídos no POS+ 2017.

Antes do remate do ano pasado quedaron listas as obras de pavimentación do plan denominado “Camiños do Xestal-Filgueiras, Lourido, Riolimpo-Vilarbó e outros”, cuantificado en preto de 32.000 euros, co que se amañaron estas vías de Ferreira e Naraío. Porén, do plan de obras provinciais de 2017 estaban pendentes de continuar outros proxectos que a empresa adxudicataria -CONCIFA- iniciara antes dos temporais facendo unha limpeza xeral das cunetas.

As reparacións que agora se reanudaron forman parte de dous paquetes separados. O primeiro deles servirá para acondicionar a pista a que vai desde A Fraga, en Ferreira, ata a antiga estrada das Pontes pasando pola Penalonga, en Igrexafeita. No mesmo proxecto está incluída a reparación da pista de Lamas que baixa desde a AC-862 ata Vilaverde desde O Cancelo e logo volve subir ata Brame para conectar novamente coa xeral. Tamén forma parte deste contrato o reasfaltado entre a ponte da Cortiña e o camiño da Bidueda, en San Sadurniño.

O outro paquete denomínase tecnicamente “Pavimentación dos camiños da Veiga, As Calvelas, A Rega e outros”. Ao resultar adxudicataria dos dous contratos por un importe total de 107.584 euros -70.662 e 36.922 €- a empresa está indo por zonas, de maneira que, por exemplo, onte mesmo quedou preparada a estrada da Rega -en Lamas- e nos próximos días finalizarán o resto de pistas, distribuídas por Santa Mariña, Bardaos, Ferreira, San Sadurniño e Igrexafeita.

Plan de rebacheos
En paralelo a estas obras acollidas ao POS+ 2017, o Concello tamén está levando a cabo un plan de rebacheos con recursos económicos propios -118.689 € procedentes do superávit co que se pechou 2016- que abrangue a práctica totalidade do territorio. Dos traballos ocúpase José No Mantiñán e Hijos S.A. e, ao igual que CONCIFA, tamén viu retrasado o comezo das actuacións por mor do mal tempo.

Nas últimas semanas a empresa centrou os seus esforzos e limpar cunetas e en tapar os buratos máis fondos das 27 pistas reflectidas no proxecto. Porén non se trata só diso, senón que os labores continúan -o contrato ten unha duración de 4 meses- e agora toca aplicar unha nova capa de rodadura por riba dos baches selados previamente e dos tramos máis danados.

Tralo repaso inicial da maioría das pistas, nestes momentos xa se están reasfaltando trazados na zona de Ferreira e no Camiño Arriba, que proseguirán en breve polo resto do territorio. O mapa do proxecto que se está levando a cabo atende á análise xeral da rede viaria efectuada pola área de Servizos e Urbanismo, pero tamén ás peticións achegadas pola veciñanza a través das xuntanzas do orzamento participativo.

Se miramos por zonas veremos que en Bardaos se amañará a pista entre A Torre e Gudín. En Santa Mariña do Monte repararanse o camiño do Colado, a pista entre A Esperanza e A Pereira, a vía que vai das Calvelas a Vilachá e a que une As Calvelas e A Lobeira pasando por Corripa, ademais do camiño que leva á capela da Esperanza.

En Naraío arranxarase a pista que baixa da Fontela até pasar a ponte de Pereiras, daráselle un repaso ás da Ferraría, A Barcia, os Foxos e a Vila e tamén se amañarán as voltas da estrada que discorre polo medio da fraga entre O Furado e a Fraguela. No cordal do Monte repararase a pista da Abelleira -o tramo entre as vivendas-, prepararase a do Lugar do Monte e, preto desta, tamén a que vai de Quintiá ao cruzamento da Grúa.

En Igrexafeita as obras abranguerán a pista de Remicieiro, a do Vilar, a da Fraguela e un pequeno tramo na Penadameda. Por outra banda, en Ferreira, acondicionarase a pista que vai de Lapas de Arriba a Santiso e a que vai desde este último lugar até As Filgueiras. Nesta parroquia tamén está previsto amañar a estrada que vai desde o Pico ata o límite con Moeche.

No caso de Lamas hai definidas tres actuacións: o amaño de dous tramos de pista no Cal de Abaixo e no Cal de Arriba e, ademais, o adecentamento do acceso ao local social do Camiño Arriba. Por último, en San Sadurniño repasarase a pista da Fonte do Gando e o camiño da Penela.

Canda estes proxectos en marcha cómpre ter en conta outros que xa están en fase de licitación ou que o estarán en breve. É o caso do plan para asfaltar un camiño en Silvalonga e o tramo de pista entre A Fraga e Os Pontigos, que se encontra na recta final da súa tramitación administrativa cun prezo de saída de 39.000 euros procedentes do POS Adicional, así como o das obras nas pistas entre Vilanova e O Vilar, en Lamas, e entre a Penamoura e A Fontela, en Naraío, orzamentadas en máis de 77.000 euros. Estas últimas cofináncianse con fondos europeos dentro do plan de mellora de camiños municipais da AGADER.