A concelleira de Medio Ambiente e o xefe de Protección Civil impartiron xa charlas informativas no IES Virxe do Mar e nos colexios Jaime Balmés e Felipe de Castro
O Concello de Noia está a buscar a implicación dos escolares do municipio na campaña de prevención contra a avespa velutina. Por iso, o xefe do servizo de Protección Civil de Noia, Eduardo Moledo, e a concelleira de Medio Ambiente, Ángela Neri Arufe, están esta semana a desprazarse polos distintos centros escolares do municipio para impartiren charlas informativas.
Ata o momento, xa impartiron catro sesións no IES Virxe do Mar e nos colexios Jaime Balmés e Felipe de Castro, polo que xa son máis de douscentos os rapaces e rapazas que participaron na iniciativa. Ángela Neri explicoulles a campaña de prevención contra as raíñas de avespa velutina que está levando a cabo o Concello de Noia co reparto de 200 trampas por todo o municipio. “Repartimos xa trampas entre os apicultores e veciños porque queremos que estean repartidas por todo o concello”, indicou Neri Arufe, quen fixo un chamamento á participación da veciñanza “chamando a Protección Civil para pedir as trampas, sobre todo aquelas persoas que teñan camelias ou árbores frutais porque cada raíña que collamos agora é un niño menos”.
Pola súa banda, Eduardo Moledo explicoulles o ciclo vital das avespas, incidindo na importancia de actuar nestas datas porque “en xuño é o seu esplendor. Agora que vén o calor, en trinta días sairán as avespas dos niños primarios. E falamos de 1.500 exemplares por niño”. Moledo indicoulles os graves prexuízos que esta especie invasora causa tanto no sector apícola como nas árbores frutais. “Adoitan facer os niños en árbores de folla caduca, dificilmente veredes un niño nun piñeiro. Gustan de sitios húmidos, próximos a unha fonte de auga e de pouco tránsito de persoas”, indicou o xefe de Protección Civil.
Trampas
Ademais de explicarlles as características das avespas, Moledo e Neri explicaron aos rapaces e rapazas como facer trampas con botellas de plástico e atraentes caseiros: con viño branco, cervexa (sobre todo negra) ou zume de arándanos, canda unha culler de azucre diluída na mestura.
A maiores, presentáronlles as “Vespa Catch”, o modelo francés de trampa mercado polo Concello de Noia e que está dispoñible en Protección Civil para calquera veciño ou veciña do municipio que queira participar nesta campaña de prevención. Segundo os cálculos da empresa fabricante, esta trampa é quen de capturar unhas 13 velutinas en tan só 48 horas, chegando aos 87 exemplares en 8 días, fronte as 27 que se capturan de media con trampas artesanais. “E, como dende Protección Civil imos levar un control das trampas para ver cales son as mellores zonas de colocación, seremos nós os encargados de abrilas e recoller as mostras”, concretou Eduardo Moledo.