A concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo, dará lectura a un manifesto contra a violencia de xénero mañá martes, ás 12:00 horas, diante do Concello de Lousame
O Concello de Lousame conmemorará o 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, con dúas actividades ás que convida a sumarse a todos os veciños e veciñas que o desexen. Así, mañá martes 25 de novembro, ás 12:00 horas, a concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo, dará lectura a un manifesto contra a violencia de xénero. Un acto que terá lugar diante da casa consistorial de Lousame no que tomarán parte os funcionarios e traballadores do Concello, así como os traballadores do centro de saúde.
Un manifesto que se suma á creación dunha Mesa Local de Coordinación contra a Violencia de Xénero, aprobada por unanimidade no pleno municipal do pasado xoves e que se encargará de coordinar as actuacións preventivas que se realicen, así como de facer un seguimento dos casos que se poidan producir no municipio. Esta Mesa estará integrada por un representante das seguintes entidades: Centro de Información á Muller de Noia, Servizos Sociais do Concello de Lousame, Servizos Educativos do Concello de Lousame, centro de saúde, Garda Civil de Noia, Xulgados e da Secretaría Xeral da Igualdade.
Domingo 30 de novembro
A segunda actividade terá lugar o domingo 30 de novembro, ás 18:00 horas, na Casa da Cultura de Lousame. Esa tarde terá lugar a presentación dos resultados dos distintos obradoiros do proxecto “Engánchate ao bo trato”, levado a cabo durante o último mes no CPI Cernadas de Castro. Un acto aberto a toda a veciñanza, pero dun xeito especial aos alumnos e alumnas de 2º, 4º e 6º de Primaria e 2º e 4º de ESO do CPI Cernadas de Castro que participaron nestes talleres.
“Engánchate ao bo trato” é un proxecto de prevención da violencia de xénero e educación en igualdade organizado polo Concello de Lousame, en colaboración co CPI Cernadas de Castro, e que conta co financiamento da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo. Un proxecto que tivo como obxectivo promover actitudes, comportamentos e valores igualitarios entre os nenos e as nenas de Lousame que lles ensinen a superar os estereotipos e roles sexistas, facilitando así unha relación positiva entre o alumnado.
Este foi o segundo ano consecutivo no que se impartiu esta iniciativa en Lousame, o que garante que todos os alumnos e alumnas do CPI Cernadas de Castro participaron cando menos un ano neste proxecto, ben en 2013 ben en 2014.