Reitera a invitación a que outras administracións públicas, como o Concello e a Deputación da Coruña, participen economicamente na propiedade pública destes peiraos e acheguen ideas sobre os seus usos futuros
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que a blindaxe da propiedade pública dos peiraos de Batería e Calvo Sotelo garante que o porto da Coruña siga pertencendo aos coruñeses e ao futuro da cidade. Estes dous zoas portuarias pasarán a formar parte dun condominio público, no que participarán a Xunta, a Autoridade Portuaria da Coruña e que está aberto á incorporación das Administracións locais, como a Deputación ou o Concello.
O protocolo sobre o desenvolvemento dos terreos portuarios foi asinado polo presidente do porto coruñés, Enrique Losada; o de Portos do Estado, José Llorca, e o ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, ademais de polo presidente da Xunta. Xunto ás decisións relativas á zona 1 (Batería e Calvo Sotelo), a Xunta tamén compromete a compra da propiedade futura dunha parte dos peiraos Petroleiro e de San Diego, que compoñen a zona 2. Deste xeito, a Administración autonómica asume dereitos sobre estas parcelas, unha vez caduque a súa concesión en 2027.
O terceiro gran compromiso recollido no acordo ten que ver coas conexións ferroviarias para Punta Langosteira, das que queda garantida a súa licitación na primeira metade de 2019. Contará cun investimento duns 140 millóns de euros, que a Autoridade Portuaria da Coruña queda exenta de financiar.
Con este acordo, dáse unha tripla solución para garantir que o porto da Coruña siga sendo protagonista do futuro da cidade: “Garántese un futuro de propiedade pública para os peiraos de Batería e Calvo Sotelo, garántense un futuro con participación da Xunta nos peiraos de San Diego e Petroleiro e garántense as conexións para Punta Langosteira, cun proxecto que se licitará na primeira metade de 2019 e que contará cun investimento de 140 millóns”, explicou.
“Estamos a falar, en definitiva, dunha excelente nova para os coruñeses en para os galegos que desfrutarán de máis espazos públicos, que quedan blindados para o futuro; e dunha maior competitividade do porto interior e do porto exterior coa infraestrutura ferroviaria comprometida por Fomento”, abundou.
Invitación a outras administracións
Se ben o compromiso conxunto do Ministerio de Fomento, de Portos do Estado, da Autoridade Portuaria e da Xunta fai posible que os peiraos teñan garantida a titularidade pública, Feijóo reiterou a invitación a que outras administracións se sumen á propiedade pública destes terreos. Ademais, tamén tendeu a man para que achegasen ideas sobre os usos aos que se dedicarán as parcelas.
O documento asinado hoxe desenvolve os compromisos adoptados o pasado mes de outubro xunto ao presidente de Portos do Estado: que os terreos que ocupa La Solana manteñan o seu actual estatus público, que os peiraos de Calvo Sotelo e Batería sigan sendo de propiedade pública e que se financie desde Portos do Estado a construción do ferrocarril entre o porto exterior e o porto interior.
A pesar de que a Xunta non ten competencias directas sobre os portos de interese xeral do Estado, Feijóo lembrou que o Goberno galego considerou desde o principio que se trataba dun asunto de gran transcendencia que require a implicación de todos. “Por iso nos implicamos, porque o Porto da Coruña é fundamental para entender o pasado desta cidade, para xestionar o seu presente e para orientar o seu futuro”, concluíu.