Sunday 24 de November de 2024

O goberno local perde a paciencia tras un novo accidente no cruzamento da Rocha


Onte un novo accidente casi acaba coa vida duns condutores que pasaron polo cruzamento cos semáforos avariados

O alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, anunciou esta mañá que mobilizará a usuarios, veciños e políticos para pechar o tráfico na N-550, despois de que onte, unha vez máis, tivese lugar un novo accidente grave no cruzamento da Rocha.
Di que o fará en resposta ao silencio do Ministerio de Fomento, que non tomou nin unha soa medida de seguridade pese ao perigo que supón a intersección.
O Ministerio de Fomento leva anos prometendo unha actuación neste nó no que conflúen a Nacional 550 e a A-6, pero a pesar das partidas integradas nos orzamentos xerais do Estado non levou a cabo ningunha actuación, a pesar dos innumerables accidentes que houbo nos últimos tempos.
Só en 2018 hanse avariado en máis de 12 ocasións, segundo a Policía Local, os semáforos do cruzamento, o que ocasionou numerosos accidentes.
O último, o acontecido onte sobre as 15,50 horas, cando tivo lugar unha colisión con feridos graves mentres os semáforos non estaban en funcionamento, chegando operarios de mantemento do ente estatal durante a permanencia da policía local.
“Non podemos permitir que se poña a vida das persoas en xogo cada día. Farán a obra cando haxa varios mortos neste punto negro? Non o imos a permitir. O que hai que facer é non perder un só día en tomar medidas. Se teñen que eliminar os semáforos que o fagan xa e que poñan a funcionar, aínda que sexa de forma temporal unha rotonda.”, apuntou García Patiño