O pleno rexeitou unha moción presentada pola oposición en contra deste proxecto
O pleno do Concello de Boqueixón rexeitou unha moción en contra do proxecto da mina de Touro-O Pino, actualmente en fase de aprobación administrativa tras ter superada o período de información pública. Esta decisión tomouse hoxe pola mañá na sesión extraordinaria celebrada a petición dos tres concelleiros de Veciñ@s de Boqueixón.
O alcalde boqueixonés, Manuel Fernández Munín, explicou que “este Concello xa lle trasladou no seu momento á Xunta de Galicia a súa preocupación polas consecuencias sobre subministro de auga potable á nosa veciñanza dun hipotético vertido de augas contaminadas ó río Ulla, polo que se esixiu que se garantise ó cen por cen que iso non se vai producir”.
Fronte aos negativos impactos que o voceiro da oposición, Xabier Canabal, atribuíu ao desenvolvemento do proxecto, o rexedor confirmou que “a preocupación veciñal pola mina de Touro é cero”. Esta postura foi corroborada durante as reunións cos “veciños e veciñas das parroquias de Gastrar, Lestedo, Sergude, Vigo e Loureda. Polo tanto, non consideramos procedente opoñernos a unha autorización de explotación, no caso de que esta reúna todos os requisitos legais”, concluíu.
Ademais, Fernández Munín indicou que “a Xunta de Galicia é a Administración que ten que decidir a autorización ou non dun proxecto que está sometido a un exame moi exhaustivo e rigoroso e por moi diversos organismos”. Neste sentido, “cremos que todos os técnicos das distintas administracións que estudan o proxecto son suficientemente capaces de informar positiva ou negativamente sobre a viabilidade do proxecto sen ningún tipo de presións”.
Finalmente, o único punto da orde do día foi rexeitado polos membros do grupo de goberno fronte ós 3 votos a favor dos representantes da oposición.