Friday 22 de November de 2024

A FAEPAC e o Concello de San Sadurniño impartirán charlas nas parroquias sobre como aforrar na factura da luz


Aos prezos que se está poñendo a electricidade, para as familias é fundamental saber de que maneira poden rebaixar o que pagan pola luz a fin de mes ou cada dous meses. Recentemente celebrouse na Casa da Xuventude unha charla impartida pola FAEPAC -fundación dependente da Deputación da Coruña- para falar do aforro enerxético nos fogares e, sobre todo, dos beneficios de acollerse ás tarifas do Bono Social, que sufriu modificacións normativas o pasado mes de outubro. Agora, e dado o éxito que espertou aquel encontro, o Concello e este organismo van ofrecer outras seis charlas polas parroquias os días 3, 9 e 10 de maio. Se alguén quere consultar o seu caso particular é importante que leve facturas e contratos para que o técnico da FAEPAC lles bote unha ollada.

Unha das maneiras máis efectivas de racionalizar o gasto en electricidade é botar man de lámpadas e electrodomésticos que consuman pouco, algo que podemos saber mirando antes de compralos o seu distintivo de eficiencia enerxética. Frigoríficos e conxeladores, lavadoras, lavalouzas, secadoras, fontes de luz, fornos, vitrocerámicas e cociñas de indución… e mesmo televisores, traen unha etiqueta cos signos A+++, A++ ou A+ cando teñen unha alta eficiencia enerxética. Os máis eficientes son os A+++ que, aínda sendo algo máis caros, tamén son máis rendibles a longo prazo.

Outra práctica que tamén axuda a non gastar tanta luz é vixiar as “samesugas” eléctricas temos repartidas pola casa -pilotos dos televisores encendidos día e noite, cargadores de móbiles que nunca se desenchufan, etc.- que, ao cabo do ano, poden acumular un consumo importante.

Por outra banda, tamén debemos ter en conta canta potencia temos contratada porque, se cadra, é máis da que necesitamos e estamos pagando por ela sen falta. En moitos fogares -sobre todo no rural- levan anos co mesmo contrato e moitos máis kW dos que serían necesarios para o funcionamento normal dunha casa. As neveiras agora gastan menos, os televisores tamén, as calefaccións son maiormente de pellets, a través dunha cociña de leña ou con caldeira de gas/gasóleo en vez de ser de corrente… de maneira que hoxe, se cadra, temos un consumo real moi inferior ao de hai 15 ou 20 anos. Por iso non está de máis mirar cantos kW precisamos para a nosa actividade diaria e, en base ao resultado, cambiar o contrato para unha potencia que se nos axeite máis.

A todas estas prácticas hai que engadirlle a posibilidade -se se cumpren os requisitos- de solicitar perante a subministradora o desconto do Bono Social, ao que poden acceder aquelas familias con menos recursos económicos que teñan unha potencia contratada igual ou inferior a 10 kW no seu domicilio habitual. Cos cambios normativos agora o bono vén marcado pola renda máxima da unidade familiar: 798€ mensuais como máximo para fogares sen fillos ou fillas, 1.065€ no caso de que haxa un ou unha menor a cargo e 1.331€ de ingresos máximos se hai dous menores a cargo. Tamén poderán acceder as familias numerosas.

Estas e outras cuestións serán as que se aborden nas xuntanzas informativas organizadas polo Concello en colaboración coa Fundación Axencia Enerxética da Provincia da Coruña, a FAEPAC, que brinda información e asesoramento gratuíto tanto a entidades locais como a particulares.

As charlas impartiranse o xoves 3 de maio en Bardaos -18.00h.- e en Santa Mariña ás 20.00h. O mércores 9 de maio en Ferreira -local da Seara, 18.00h.- e, dúas horas despois, no local social do Chao de Lamas. Por último, o xoves 10 de maio tocaralle ás 18.00h. a Igrexafeita e ás 20.00h. a Naraío.

Os encontros son abertos ao público e poden levarse facturas ou contratos para que o técnico da FAEPAC nolos revise e nos diga se temos maneira de aforrar algún carto no que pagamos pola luz.