Friday 22 de November de 2024

Homenaxe a Luciano Fernández, que se xubila tras 14 anos como director do instituto en Brión


A comunidade educativa do IES Brión celebrou unha homenaxe a Luciano Fernández Rueda, que vén de xubilarse tras 14 anos como director do instituto en Brión, primeiro no IES de Esparís e nos últimos anos á fronte do IES Brión. Un xantar de confraternidade celebrado no Hotel Balneario Compostela (Brión) e que contou coa presenza do alcalde de Brión, Xosé Luís García.

García destacou o labor educativo desenvolto por Luciano Fernández ao longo dos últimos catorce anos, sobre todo dirixindo o traslado dende Esparís, a apertura do novo IES Brión e a implantación do bacharelato no novo centro educativo. Unhas tarefas nas que Luciano Fernández Rueda xa tiña experiencia previa, pois traballou na implantación dos institutos do Sar (Santiago), Cacheiras (Teo) e Bertamiráns (Ames).

Luciano Fernández Rueda (Lugo, 1953), casado e cun fillo, chegou ao IES Esparís en 1999. Consciente da imposibilidade de impartir un ensino de calidade nunhas instalacións pensadas orixinalmente como colexio, non como instituto, fixo fronte común co Concello de Brión e a Asociación de Pais e Nais para conseguir a construción do IES Brión. Previamente exercera como director do IES Leliadoura (Ribeira).

Fernández Rueda asegura que “hoxe hai un ramillete de alumnos e alumnas no IES Brión que son unha auténtica virguería e que darán moito que falar pola seu gran nivel educativo”, aínda que sinala que o que máis o enorgullece destes anos dedicados á docencia é “ter educado persoas, non alumnos”.