O Concello de Noia vén de reparar a avaría que deixara sen servizo de subministro de auga ao camposanto municipal do Páramo. Operarios da brigada municipal de obras de Noia estiveron durante a xornada de onte traballando na zona e culminando os traballos realizados durante a semana anterior, que se centraron na localización da rotura na rede de tuberías que deixara sen auga o camposanto.
O concelleiro de Obras, Martín Fernández Godón, explica que “esta avaría estaba afectando aos veciños e veciñas, que se vían coa incomodidade de non dispoñer de auga para regar as flores ou limpar as sepulturas dos seus seres queridos, polo que dende o Concello actuamos o máis rápido posible para localizar a avaría, traballo que levou o seu tempo, e arranxala de xeito definitivo”.