Saturday 16 de November de 2024

Case 250 escolares de Noia participan nunha charla do profesor Manolo Barreiro sobre o 850 aniversario da fundación da vila


Trátase dunha iniciativa do Concello de Noia para que “os rapaces e rapazas que van estar presentes no 900 aniversario teñan un maior coñecemento da historia da nosa vila”

Case 250 escolares de Noia participaron esta mañá nunha conferencia do profesor Manolo Barreiro sobre o 850 aniversario da fundación da vila, organizada polo Concello de Noia e celebrada no Coliseo Noela. Nela participaron alumnos e alumnas de 6º de Primaria e 1º da ESO dos colexios María Assumpta, Jaime Balmés e Felipe de Castro, así como do IES Virxe do Mar.

A concelleira de Ensino, Ángela Neri Arufe, agradeceu a colaboración amosada polos distintos centros escolares de Noia e o interese amosado polo profesorado nunha iniciativa “coa que dende o Concello de Noia queremos ensalzar a historia da nosa vila, dende a noso papel como Portus Apostoli do Camiño de Santiago ata a relevancia que temos a nivel cultural, tanto dende un punto de vista arquitectónico como humano, con figuras de gran relevancia como María Muiño ou Avilés de Taramancos, por citar só algúns exemplos”.

Un punto no que coincidiu o alcalde noiés, Santiago Freire Abeijón, quen agradeceu a conferencia ofrecida polo profesor Manolo Barreiro e desexou que “espero que con estas explicacións, os rapaces e rapazas que van estar presentes no 900 aniversario de Noia teñan un maior coñecemento da historia da nosa vila”.

Conferencia

Pola súa banda, Manolo Barreiro fixo un breve percorrido de 45 minutos pola historia de Noia, dende os primeiros poboadores na Barquiña e a sinatura da Carta Pobra ata a actualidade. “Noia tivo e ten que seguir tendo a súa importancia no Camiño dos Peregrinos a Santiago”, concluíu Barreiro, quen animou aos presentes a seguir apoiando a reclamación do recoñecemento do Camiño Xacobeo pois “temos dereito a que nos repoñan a ruta ao sepulcro do Apóstolo”.

Unhas afirmacións que Barreiro demostrou con diapositivas dos distintos restos arquitectónicos que o proban, dende as figuras presentes nas diferentes igrexas da vila ata a escultura inaugurada o pasado 9 de abril na Porta da Vila. Así mesmo, aproveitou para facer un percorrido polas figuras máis destacadas da vila: María Mariño, Avilés de Taramancos, Felipe de Castro, Berenguel de Landoira… explicando ao alumnado a súa importancia na historia da vila.