A entidade ofrecerá máis obradoiros gratuítos no municipio se existe demanda suficiente
O papel das coidadoras é fundamental na nosa sociedade, malia que o seu recoñecemento é escaso, e as medidas de apoio son practicamente inexistentes. A Fundación Mujeres é unha entidade sen fin de lucro que traballa a prol do empoderamento e da capacitación feminina. Entre as súas accións conta cun programa de formación e acompañamento destinado a aquelas mulleres que foron, son, ou mesmo serán coidadoras doutras persoas, xa sexan menores, maiores ou con calquera tipo de dependencia. Denomínase “Saúde e autocoidado para coidadoras” e, como apunta o propio nome, ten como obxectivo mellorar a calidade de vida e o benestar das mulleres que viven esta situación. O programa presentarase este xoves 19 de abril na Casa da Xuventude a partir das 17.00h. coa intención de levar a cabo varias sesións gratuítas ao longo dos próximos meses sempre que haxa demanda suficiente.
Na charla falarase sobre a autoestima, a xestión do tempo, a relaxación e outros aspectos que poden contribuír a mellorar o benestar persoal das mulleres que, con frecuencia, se ven absorbidas ou superadas polas circunstancias de ter que coidar familiares con algún tipo de dependencia.
Trátase dun obradoiro grupal que abordará a saúde de forma integral, os hábitos beneficiosos, como recuperar o tempo propio, as emocións ou as relacións interpersoais, que en moitos casos se ven afectadas pola dedicación a tempo completo á persoa coidada.
Porén, unha das cuestións principais será a de que as mulleres coidadoras sexan conscientes do que lles supón esta responsabilidade e de que maneira inflúe no seu día a día. Por iso se propón un encontro que, máis que unha charla, sexa unha escusa para reflexionar sobre os efectos de coidar e a importancia do propio autocoidado, analizando hábitos e rutinas que inflúen de forma negativa na saúde e identificando pautas para poñer en marcha outras máis saudables.
A importancia dunha alimentación axeitada, dispor de tempo suficiente para o sono e o descanso, a práctica de actividade física e a programación do día reservando tempo para o propio desenvolvemento persoal son só algunhas das cousas que se poden poñer en práctica para previr o estrés e a sobrecarga.
Cambios que parecen doados de aplicar pero que non o son en absoluto. Por iso a Fundación Mujeres quere levar adiante máis obradoiros nos que titorizar e acompañar ás mulleres coidadoras na mellora dos seus hábitos e, en consecuencia, da súa calidade de vida.
De feito, a charla introdutoria deste xoves será tamén un xeito de ver cantas mulleres -as sesións da Fundación diríxese exclusivamente a este ámbito da poboación- estarían interesadas en participar nese programa estable de sesións que serían gratuítas e cunha periodicidade semanal, aínda que para saíren adiante fará falla un grupo mínimo dunhas dez persoas.
Nos sucesivos obradoiros irían tratándose con máis profundidade todas as cuestións das que se falará na presentación da Casa da Xuventude, onde tamén se poderán facer as inscricións para os próximos encontros.