José Antonio Diéguez, presidente de Ventonoso, explicoulles que hai un 50% de posibilidades de que o proxecto se leve a cabo e indicou como lles afectaría aos propietarios das fincas
Un cento de veciños e veciñas de Ordes participaron onte domingo na reunión informativa organizada pola Agrupación Socialista de Ordes sobre o proxecto de parque eólico que Green Capital Power quere poñer en marcha na parroquia de Ardemil. Un proxecto que, a pesar de que conta co rexeitamento frontal de todos os grupos municipais, “conta cunhas posibilidades de materialización do 50%”, segundo explicou José Antonio Diéguez, presidente de VENTONOSO.
Na sala de reunións da Nave do Gando do Mesón do Vento, o voceiro municipal socialista, Alejandro Manteiga, explicou que “polo que coñecemos, será un proxecto cunha xeración mínima de postos de traballo que, se finalmente vai adiante, será tramitado por vía de urxencia xa que ten que estar listo antes de finais de 2019”.
Pola súa banda, José Antonio Diéguez, explicoulles aos veciños e veciñas en que ía consistir o proxecto, que inclúe a instalación de 15 aeroxeneradores de 3,5 megavatios, cunha altura duns 163 metros e unhas pas dun diámetro de 130 metros. Ademais, indicoulles que a empresa aínda non ten decidido se acometerá o proxecto de Ardemil ou outro dos que dispón pero que, en todo caso, a tramitación do mesmo será moi rápida xa que ten que estar construído antes do 31 de decembro de 2019.
Así mesmo, Diéguez resolveu as consultas dos propietarios de terreos na zona por se finalmente o proxecto sae adiante, explicando a forma de actuar de Green Capital Power e informando á veciñanza dos seus dereitos e dos contratos que poden asinar. “As empresas sempre din que é un prezo fixo, pero iso non é así. Algunhas ata teñen cinco modelos diferentes de contrato, polo que temos que analizar o que pode resultar máis vantaxoso”, explicou o presidente de VENTONOSO.