Friday 22 de November de 2024

Santa Cruz contará cun novo aparcadoiro a carón da igrexa parroquial


O Concello de Moeche e a Diocese de Mondoñedo-Ferrol alcanzaron recentemente un acordo que permitirá acondicionar como zona de estacionamento parte do igrexario de Santa Cruz. Os termos do acordo deberán reflectirse agora no correspondente convenio entre as dúas institucións. A grandes trazos, a Igrexa cederá parte da leira onde antigamente se atopaba a casa reitoral da parroquia mentres que o Concello asumirá o custe das obras. O consistorio encargou xa o proxecto técnico para cuantificar e contratar os traballos.

A alcaldesa e representantes da Diocese Mondoñedo-Ferrol mantiveron varias xuntanzas para
ver a posibilidade de acondicionar unha porción do terreo anexo á igrexa posto que, tal e como manifestou a veciñanza en varias ocasións, nos arredores do templo “hai pouco sitio onde aparcar” cando se celebran enterros e cabodanos, “ou durante as festas patronais que teñen lugar no adro”.

Segundo Beatriz Bascoy, a idea “foi ben acollida polos responsables diocesanos, que ofreceron a súa total colaboración para poder facer alí un estacionamento con xeito que se poida utilizar durante todo o ano”. A rexedora local explica que, a falta de definir os pormenores do convenio, a igrexa “cederá o terreo necesario” para que logo sexa a administración local quen leve a cabo as obras.

Bascoy puntualiza que antes de nada cumprirá suscribir a correspondente cesión e redactar o proxecto técnico onde se recollan as características da obra e o seu custe, que será asumido integramente polo Concello. Tamén fará falla o preceptivo informe de Patrimonio autorizando os traballos. A intención municipal é levar a cabo unha actuación “que se integre ben no conxunto e que en ningún caso sexa agresiva co entorno”. Para o firme e o acceso barállase a posibilidade de tirar pola mesma opción empregada recentemente nos locais sociais de Abade, onde se botou zahorra compactada e se utilizou madeira tratada como material de delimitación das prazas e do propio recinto.

O Concello xa fixo as medicións da zona. A área de estacionamento sería un rectángulo de 70 por 25 metros paralelo ao muro do adro. Esta superficie -1750 m2 dos arredor de 4.000 que ten leira- sería suficiente para que puidesen aparcar e manobrar comodamente máis de medio cento de vehículos.