O PROGRAMA, QUE SE PRETENDE ARRANCAR EN XUÑO, TAMÉN PREVÉ AXUDAS PARA O TRANSPORTE ESCOLAR E A CENTROS CONCERTADOS
“Axudar a que calquera persoa que o queira suba a un autobús”. Ese é en palabras do alcalde Manuel Ruiz o obxectivo principal do plan de transporte subvencionado Riveira Move, que foi presentado hoxe en rolda de prensa e do que teñen a oportunidade de beneficiarse sen distinción todos os usuarios do transporte en autobús dentro do termo municipal.
Ademais do alcalde, a presentación contou coa participación de Manuel Ferrín e Eduardo Figueiras en representación das empresas Hermanos Ferrín e Agustín Sarasquete, que subscribiron os oportunos convenios de colaboración que permiten implantar este programa.
268.000 viaxes regulares
O programa activarase no mes de xuño de tal xeito que todas as rutas regulares terán un custe único para os viaxeiros: un euro, en lugar de 1,35 ou 1,40 euros dependendo da liña como viña sucedendo ata agora. Bastará ter unha tarxeta moedeiro adquirible na terminal de autobuses por un euro (non caduca e o seu custe real son 3 euros, dos cales un o sufraga o Concello e outro as empresas) e recargable non só na estación senón tamén nos propios buses. Con este plan se prevé subvencionar un total de 268.000 viaxes regulares e, a partir desta cifra, a empresa garantirá que o usuario siga pagando un euro sen custe para o Concello.
O programa conleva tamén ventaxas para os usuarios do transporte escolar, en que as viaxes pasarán a costar 67 céntimos (o que supón, en relación ao importe actual, unha redución de 25 céntimos en Aguiño, Castiñeiras, Carreira, Riveira e Palmeira e de 45 céntimos por viaxe no resto das parroquias).
Tamén prevé un programa de apoios ás unidades familiares do que se verán beneficiados 112 usuarios dos colexios concertados A Milagrosa, Sagrado Corazón de Castiñeiras e García Bayón. En virtude desta axuda, 86 familias cun fillo se verán subvencionadas polo Concello con 10 euros ao mes (o 19,23%) e 26 con dous os máis fillos con 25 euros ao mes (o 26,32%).
En total, serán 315.200 o total das viaxes subvencionadas: 268.000 do transporte regular, 36.000 do transporte escolar e 1.200 dos centros concertados.
O importe das axudas ascende a 122.620 euros para 12 meses a partir da implantación do plan. Non caso de que non se chegue ao número de viaxes previstos, reduciaríase dito importe proporcionalmente.
Información nas paradas
No transcurso da presentación douse conta doutras melloras programadas que teñen que ver con maior información para os usuarios nas paradas (por exemplo, sobre o tempo que falta para a próxima chegada do autocar nalgunhas marquesinas) ou o incremento da flota e frecuencias.
Segundo manifestou o alcalde, Riveira é o primeiro concello de Galicia que implanta este tipo de axudas e o obxectivo é incrementar cando menos un 10% o número de usuarios nos autobuses: un obxectivo polo que avogaron tamén os representantes das empresas que ven nesta iniciativa unha forma de liberar de vehículos privados as vías públicas.
A duración é dun ano prorrogable.