Friday 22 de November de 2024

Feijóo afirma que os cidadáns necesitan un país en funcionamento, apartado do bloqueo que impida que a recuperación chegue a todos


Insiste en que, superada con esforzo unha crise económica e agora que se conta con recursos para que a recuperación chegue a todos, os cidadáns non poden depender do bloqueo político
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou que os cidadáns necesitan un país en funcionamento, que non estea suxeito a paróns nin a vetos. Con estas palabras, Feijóo incidiu en que, superada con esforzo unha crise económica e agora que se conta con recursos para que a recuperación chegue a todos, os cidadáns non poden depender do bloqueo político.

Durante a presentación do libro El desengaño, de Fernando Jáuregui e Federico Quevedo, Feijóo afirmou que é o momento de pensar no interese xeral e enfocar o labor en mellorar o día a día dos cidadáns.

Ao longo da súa intervención, o titular do Goberno galego referiuse tamén á situación que está a vivir Cataluña. Un reto para todos, dixo, que afecta a España, o seu modelo autonómico e que cuestiona o construído neste tempo. “Por iso, non podemos poñernos de perfil e habemos de defender esta fórmula que tanta prosperidade nos trouxo”, asegurou, reivindicando o Estado das Autonomías como a proba de que a nosa lexislación avala a diversidade e o camiño que aposta pola convivencia.

Nesta liña, destacou o modelo galego como exemplo de que as identidades suman, non restan, e de que o futuro só se pode escribir xuntos, sen vetos nin fronteiras. “Somos unha nacionalidade histórica que vive sen complexos na España de hoxe. Ser galegos é a nosa forma de ser españois”, precisou, aseverando que non hai unha fórmula máxica, senón unha aposta decidida pola responsabilidade e a convivencia; “e tamén un convencemento de que as fronteiras son un concepto anacrónico”.

Feijóo lamentou que 40 anos despois, nunha España democrática, xenuinamente europea e abertamente descentralizada, se volva a falar de fronteiras, pintando unha España negra e desprestixiando a Constitución e o seu Estatuto de Autonomía. “Pero por moito que queiran confundir, non hai democracia sen lei. E non son demócratas os que a saltan”, recordou, ao que engadiu que aínda que se pode retorcer a linguaxe, non se pode retorcer a realidade: “E a realidade é que España significa democracia, significa Europa e significa convivencia”.

Así mesmo, subliñou que, se ben esta ferida que abriron é importante, “teremos que estar unidos para conseguir cicatrizala”.

O presidente da Xunta concluíu valorando as reflexións de Fernando Jáuregui e Federico Quevedo sobre estes temas “que nos preocupan na actualidade” e que se recollen nesta obra que conforma, entre todo o barullo, un claro.