Friday 22 de November de 2024

Noia celebra unha Xunta Local de Seguridade para coordinar o dispositivo especial co gallo da celebración do XXXIV Rali de Noia


A Policía Local pon en marcha un dispositivo especial que inclúe restricións no estacionamento e na circulación de vehículos mañá venres

O Concello de Noia vén de celebrar unha Xunta Local de Seguridade para coordinar os dispositivos que se porán en marcha na vila co gallo da celebración esta fin de semana do XXXIV Rali de Noia. Un encontro celebrado no salón de plenos e que estivo presidido polo alcalde de Noia, Santiago Freire Abeijón.

Na reunión participaron o subdelegado do Goberno na Coruña, Jorge Atán; a concelleira de Medio Ambiente e Protección Civil de Noia, Ángela Neri; o concelleiro de Policía Local, Julio Bustelo; o concelleiro de Deportes de Porto do Son, Manuel Deán; así como responsables da Garda Civil, Protección Civil de Noia e Mazaricos, Policía Local de Noia e Porto do Son e responsables da escudería Berberecho, con Javier Rodríguez á fronte.

Ángela Neri explica que a reunión foi “un repaso a todo o dispositivo preparado para a celebración dun evento no que agardamos a visita de entre 25.000 e 30.000 persoas e confirmar que todo está ben preparado”. Así mesmo, aproveitou para recomendar a todas as persoas que se acheguen esta fin de semana por Noia que “colaboren e fagan caso das recomendacións que lles fagan chegar membros de Protección Civil ou da organización do Rali para así poder desfrutar todos deste gran espectáculo deportivo”.

Dispositivo especial de tráfico

Por outra banda, a Policía Local de Noia deu a coñecer o dispositivo especial posto en marcha co gallo da celebración do Rali de Noia 2018, que inclúe restricións no estacionamento e circulación de vehículos no casco urbano da vila. Unhas restricións que comezan dende hoxe mesmo á explanada da rúa Poeta Avilés de Taramancos, onde queda prohibido o estacionamento de vehículos.

Así mesmo, o venres 13 de abril estará prohibido o estacionamento de vehículos nas rúas comprendidas no percorrido do tramo urbano do rali, así coma nos seguintes puntos:

– marxe dereito (segundo o sentido único de circulación), na rúa Pintor Xenaro Carrero, no tramo comprendido entre as rúas Pintor Francisco Creo e a rúa Francisco Romero Blanco. A partires das 11:00 horas.
– marxe dereito da rúa Francisco Romero Blanco, tomando o sentido de circulación o que vai dende dita rúa cara a rúa Carcasía. Dende as 15:00 horas.
– en ambas marxes nas rúas Poeta Avilés de Taramancos (dende a Piscina municipal ata a intersección ca rúa Pintor Francisco Creo) e no tramo restante da rúa Pintor Xenaro Carrero ata o cruce de Barro. Dende as 15:00 horas.
– nos tramos de rúa comprendidos entre Poeta Avilés de Taramancos e a Rúa Pintor Xenaro Carrero. Dende as 15:00 horas.

Restricións de circulación

En canto ao tránsito de vehículos, estará prohibida a circulación no tramo comprendido dentro do circuíto urbano entre as 16:00 horas do venres 13 e ata a finalización do rali. Así mesmo, estará prohibido o acceso de vehículos á rúa Paseo Avilés de Taramancos a partires das 15:00 horas do venres, agás acceso a garaxes e vehículos autorizados con distintivo pola organización do evento. Finalmente, habilítase dobre circulación na rúa Pintor Xenaro Carrero durante a celebración do rali.