Medio cento de persoas asistiron na noite do venres á inauguración de “Trampitán”, unha selección de 18 cadros de técnica mixta (acrílico) sobre tea e de estilo surrealista do pintor Anselmo Lamela, quen convidou á veciñanza a visitar a mostra e a que “cada quen saque as súas conclusión”. Unha exposición que poderá visitarse na sala municipal de exposicións de Brión ata o vindeiro 12 de decembro.
“Trampitán” recolle 18 pinturas surrealistas de Anselmo Lamela, “que poden resultar crípticos para a maioría pero, por outra parte, tamén creo que a subxectividade radical permite múltiples suxestións e interpretacións”, explica o autor. Unhas obras que combinan dende pezas de gran tamaño a pequenos cadros que recollen “unha realidade con buratos, que non ten coherencia, en consonancia cun mundo real no que os acontecementos nos asoballan e poden converter os nosos soños en pesadelos”.
Un punto no que coincidiu o alcalde de Brión, Xosé Luís García, quen bromeou co autor explicándolle que “hai vinte días estabamos aquí inaugurando unha exposición chamada Soños, da Asociación Galega de Arte e Cultura. Hoxe inauguramos outra magnífica mostra sobre o surrealismo. Espero que só sexa coincidencia pois a temática da seguinte serían os pesadelos, e resulta que a próxima exposición será sobre fotografías antigas de veciños e veciñas de Brión. E os de Brión seremos rabudos, pero tanto como pesadelos, non”.
Surrealismo
Anselmo Lamela apuntou que “con estas pinturas achégome ás miñas orixes como pintor, despois de ter transitado por outros ámbitos estéticos que acabaron por parecerme menos convincentes. As estéticas que mellor cadran co meu xeito de traballar e coa miña personalidade son aquelas que teñen relación co onírico, co surreal, co simbólico e co fantástico”.
Pola súa banda, o técnico de Cultura de Brión, Alberte Álvarez, indicou que as obras recollidas en “Trampitán” destacan “por unha luz clara e misteriosa, que acompaña a un cromatismo moi característico propio dun artista que entronca con grandes pintores coma De Chirico, Dalí ou Lugrís, un surrealismo que provoca unha inquietude no espectador”. A exposición poderá visitarse na sala municipal de exposicións de Brión ata o próximo 12 de decembro.