Máis de medio cento de persoas asistiron nas últimas semanas aos grupos focais convocados para a redacción do Plan de Xestión da Cidade Histórica. Ademais, sete asociacións veciñais e culturais participaron na reunión celebrada onte, coa que se pechou a primeira fase do proceso de participación vinculado á elaboración do documento, unha esixencia da Unesco por ser Santiago Cidade Patrimonio Mundial da Humanidade. O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, e o codirector do Plan de Xestión, Juan Requejo, deron conta hoxe dalguhas das conclusións destes primeiros encontros.
O concelleiro cualificou moi positivamente a participación nas diferentes reunións de grupo celebradas ata agora, “que se suman ás máis de 40 entrevistas persoais que se realizaron tamén durante esta primeira fase”. Jorge Duarte lembrou que o 3 de maio está prevista “unha gran conferencia no Auditorio de Galicia na que se porán en común todas as conclusións deste proceso, co obxectivo de que a versión inicial do Plan de Xestión estea pechada ao longo do mes de maio”. Paralelamente, apuntou o edil, “seguiremos avanzando no documento de inicio e borrador do Plan Especial da Cidade Histórica, que será remitido á Xunta en maio para iniciar a súa tramitación e exposición pública”.
Cinco grupos, con medio cento de participantes
O codirector do Plan de Xestión incidiu en que “este documento é un requisito da Unesco para as cidades Patrimonio Mundial da Humanidade, que deben ter un plan que defina un modelo de cidade a longo prazo, un documento que vai moito máis alá que os Plans Especiais, que son fundamentalmente urbanísticos e se limitan a regular usos e actividades nun ámbito concreto”. Por iso, Juan Requejo defendeu a necesidade de implicar na elaboración do Plan de Xestión ao tecido social de Compostela, e sinalou que nos cinco grupos focais participaron “máis de medio cento de persoas, seleccionadas polos técnicos para garantir a maior diversidade posible”. Entre as persoas que asistiron ás xuntanzas figuran representantes do Consorcio, a Universidade, o Colexio de Arquitectos, o CSIC, Incolsa, a Fundación Catedral, a Cámara de Comercio, a Asociación de Hostalería, a Axencia de Turismo de Galicia, o Club Financeiro, ou as asociacións de veciños e comerciantes. As reunións xiraron ao redor de cinco temáticas diferentes pero vinculadas: habitar a cidade histórica, turismo, actividades produtivas, cultura e innovación e coñecemento.
A maiores, na tarde de onte celebrouse a primeira reunión do espazo de participación das asociacións veciñais, na que estiveron representantes das asociacións veciñais Río Sarela, Casco Histórico, A Galea, As Marías, A Xuntanza, a Plataforma de Galeras e a Asociación Cultural Barrio de San Pedro.
Despoboamento e servizos, principais preocupacións
Juan Requejo explicou que “a metodoloxía de traballo utilizada para a elaboración do Plan de Xestión obriga a que os grupos focais rematen con conclusións unánimes, malia a diversidade de perfís dos participantes, e iso é o que as fai especialmente valiosas”. O codirector do Plan de Xestión salientou que “unha das principais conclusións é que é preciso reverter o proceso de despoboamento da cidade histórica, tendo en conta que hai dinámicas distintas na zona vella e algunhas rúas teñen unha evolución incluso positiva”. Nesa liña, tamén se incidiu “na importancia de conseguir unhas mellores condicións de habitabilidade, e iso implica dispoñer dos servizos necesarios”. Ademais, Requejo puxo o acento en demandas como “converter a zona vella nun espazo para a innovación, no que se poidan instalar tamén centros de investigación en materias como a saúde, o patrimonio ou o medio ambiente”.
Por último, Juan Requejo explicou que os representantes veciñais coincidiron en “valorar que o Plan Especial vixente foi quen de conter ameazas moi graves ao patrimonio, pero demandaron que a actualización do documento na que se está traballando responda ás demandas da veciñanza, sobre todo en materia de accesibilidade”.
Despois da reunión de onte, continuarán os contactos coas asociacións veciñais, que culminarán na gran conferencia do 3 de maio.