O Concello de San Sadurniño inicia este venres en Santa Mariña as “Camiñadas parroquiais” deste ano
O sol loita para chegar onda nós nunha guerra sen cuartel que, de momento, van ganando as nubes. Levamos case un mes de primavera e, si ou si, terá que facerse notar nalgún momento. As predicións van nesa liña e, se ben aínda se agardan chuviscas para os próximos días, todo apunta a que as raiolas irán furando pouco a pouco o ceo ata facerse con el. En calquera caso, e aínda chovendo e todo, a primavera convídanos a andar por fóra e a dar longos paseos ao aire libre. Algo que podemos facer na compaña de máis xente e, de paso, descubrir lugares nos que igual nunca estivéramos. Ese é o cometido das Camiñadas parroquiais que comezarán este venres en Santa Mariña do Monte e que se prolongarán ata primeiros de xuño por outros puntos do territorio. Para participar nelas non fai falla inscrición, abonda estar en cada punto de saída nos días e nas horas sinaladas.
As Camiñadas parroquiais son paseos ao aire libre aptos para todas as idades, relativamente curtos -entre 5 e 8 quilómetros de distancia- e cun nivel de dificultade baixo, posto que discorren por pistas e camiños en bo estado e sen demasiado desnivel.
O Concello organizou cinco camiñadas que sairán dos locais sociais e doutros puntos das distintas parroquias sempre ás 16.00 horas. As rutas comezan este venres 13 de abril en Santa Mariña con punto de partida e de chegada no local social da Golpilleira. As seguintes serán o xoves 3 de maio en Ferreira, o 15 en San Sadurniño, o 25 de maio en Lamas e pecharase a rolda o luns 4 de xuño en Naraío.
Desde o departamento de Deportes aconséllase levar roupa cómoda, chaleco reflectante, calzado sen tacón que non sexa de estrea para que non nos faga vexigas ou rozaduras -o ideal é aquel que protexa os nocellos-, calcetíns de algodón, gorra, bebida e algo de comer. Na actividade farán de guía os grupos de ximnasia de mantemento das respectivas parroquias.
Para participar non fai falla inscrición previa nin tampouco é obrigatorio acudir a todas as rutas, aínda que si moi recomendable como maneira de facer un exercicio ben levadeiro e de descubrir o territorio compartindo a experiencia con outras persoas. Para máis información pódese chamar ao teléfono do Ximnasio municipal, 647 491 371, en horario de 19 a 23h.