O consistorio e as entidades do territorio tamén acaban de iniciar a campaña de trampeo de primavera contra a avespa asiática
A Asociación Casa do Mel suscribiu recentemente un convenio co Concello para este ano 2018 no que se recollen, entre outras cuestións, a colaboración da entidade no mantemento do apiario didáctico da Cortiña e o desenvolvemento de accións formativas arredor do mundo apícola. A primeira destas actividades vai ser un curso de iniciación á apicultura que se impartirá nos meses de abril e maio na Casa da Xuventude, nas instalacións da Cortiña e tamén na sede da Casa do Mel, en Goente. Para apuntarse no curso -que é gratuíto para as persoas empadroadas en San Sadurniño- hai que chamar ao teléfono do Concello: 981 490 027. A data límite é o 18 de abril ás 14.00h. As clases serán os sábados e empezan o día 21 de abril.
Esta proposta terá unha duración de 20 horas repartidas en catro xornadas: o sábado 21 de abril de 9.00 a 14.00h., o sábado 28 de 16.00 a 21.00h., o sábado 5 de maio entre as 16.00 e as 21.00h. e, por último, o sábado 12 de maio -na Casa do Mel- de 9.00 a 14.00h.
O curso está orientado a persoas que queiran empezar a pastorear abellas ou que teñan certo interese no mundo apícola. Neste sentido, os contidos irán desde unha introdución xenérica sobre a bioloxía dos enxames, a figura da persoa apicultora e o funcionamento das colmeas, ata cuestións máis técnicas que se irán abordando paso a paso. Así, no segundo día de curso tratarase a instalación do apiario, a flora máis propicia para a produción de mel e as prácticas de reprodución dos enxames. O terceiro sábado facilitarase información sobre a saúde das abellas e, principalmente, sobre como protexelas da avespa asiática, da varroa e da loque.
O último día, o sábado 12 de maio, a formación trasladarase ás instalacións da Casa do Mel, en Goente, onde se poderán ver os produtos principais e subprodutos que se poden sacar da colmea, como por exemplo o mel, o pole, a própole, a xelea ou a cera. O persoal deste centro dedicado integramente á difusión da cultura apícola explicará, ademais, os procesos de colleita, de envasado e de comercialización de cada produto.
Ofértanse un mínimo de 10 prazas e un máximo de 20, dándolle prioridade nas inscricións a persoas empadroadas en San Sadurniño e socias da Casa do Mel, para quen a actividade será gratuíta. O resto de participantes deberá pagar 40€ o primeiro día do curso. As inscricións poden facerse chamando ao Concello -981 490 027- ata o 18 de abril ás 14.00h.
Campaña de trampeo de primavera contra a avespa asiática
En relación con este tema, desde o Concello lémbrase que a vespa velutina nigrithorax está reiniciando neste tempo o seu ciclo vital. Axudadas polo progresivo aumento das temperaturas, as raíñas fundadoras de novas colonias empezan a saír dos seus buratos para construiren os niños primarios. Nalgunhas zonas do concello capturáronse algúns exemplares nos últimos días e agárdase que a especie estea a pleno rendemento reprodutivo nas próximas semanas.
Considérase que a colocación de trampas na primavera é un dos medios máis efectivos para ralentizar o avance desta praga que xa cubriu tres cuartas partes de Galicia. Por este motivo, a área de Desenvolvemento local iniciou unha campaña de dinamización do trampeo para a que se pide a máxima implicación veciñal.
O departamento municipal repartiulles dispositivos atraentes ás asociacións de Lamas, Camiño Arriba, Santa Mariña do Monte, Igrexafeita, Bardaos e Naraío, co obxectivo de que se encarguen da súa distribución polo territorio e do seu mantemento ata finais da primavera, momento no que deben retirarse para volver colocalas de novo no outono.
A recomendación que se fai desde o Concello é a de poñer as trampas preto de lugares onde o ano pasado aparecesen niños, en zonas onde haxa árbores de floración temperá -camelias, principalmente- e tamén nas proximidades de colmeares. As trampas, sexan caseiras ou mercadas, deben dispoñerse cunha separación de entre 200 e 300 metros para cubrir o máximo territorio posible. Ademais, no caso de tratarse de dispositivos con atraente líquido, haberá que repoñelo cada 10 ou 15 días procurando deixar no seu interior os cadáveres das velutinas capturadas, algo que se pode facer filtrando o líquido cun trapo.
No vídeo producido polo Concello hai tres anos -dispoñible en Youtube e con máis de 50.000 reproducións acumuladas- pode verse o ciclo vital da velutina e tamén aprender a facer trampas caseiras.