O delegado territorial na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou a terraza na que están a piques de comezar unhas obras que pretenden mellorar as condicións do edificio
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou o local propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), cedido pola Xunta a Cáritas, no barrio das Flores, na rúa Violetas, e no que están a piques de comezar uns traballos de reforma e impermeabilización presupostados en máis de 47.000 euros. A obra consistirá na reparación da terraza para evitar as filtracións de auga procedentes da mesma ao interior da edificación.
En concreto, o proxecto consiste en cambiar o actual material de acabado da terraza, baldosas estrusionadas de gres, por un material similar ao do proxecto orixinal, unha baldosa hidráulica gris cun mosaico de canto rodado fino. Eliminaranse, así mesmo, os zócalos. O prazo de execución dos traballos e de seis meses.
O delegado territorial destacou “o compromiso e colaboración do Goberno galego no obxectivo de mellorar as condicións dos equipamentos públicos” e anunciou que a duración das obras dependerá das condicións meteorolóxicas, pero que se farán cumprindo os requirimentos técnicos precisos para acabar cos problemas de humidades.