A primeira xornada celebrouse hoxe na biblioteca municipal e foi impartida por Chelo Teijeira e Jon Fernández, voluntarios da Cruz Vermella de Noia
Trece maiores de Lousame participaron esta mañá no primeiro obradoiro gratuíto organizado polo Concello de Lousame e a Cruz Vermella para que os maiores do municipio aprendan a sacarlle todo o partido aos seus teléfonos e dispositivos móbiles. Unha sesión impartida por Chelo Teijeira Ramón e Jon Fernández de la Iglesia, voluntarios da Cruz Vermella de Noia, e na que participou o grupo dos Obradoiros da Memoria do Sanguiñal e algúns veciños que se anotaron por libre.
A sesión comezou ensinándolles aos presentes a conectar os seus móbiles á wifi da Casa da Cultura lousamiá, xa que só tres deles dispoñían de tarifa de datos. Despois, activaron ou descargaron distintas aplicacións segundo os seus intereses. Ao tratarse dun grupo reducido, cada quen puido recibir unha atención personalizada, se ben a gran maioría interesouse por aplicacións como o WhatsApp ou o Facebook.
Máis sesións e actividade anual
Inicialmente, estes obradoiros ían facerse nos distintos locais sociais das parroquias pero, ao non contar con conexión wifi e constatarse que a gran maioría dos asistentes carecía de tarifa de datos, o Concello de Lousame optou por concentralos na Casa da Cultura de Portobravo, que si dispon de conexión gratuíta á Internet. A idea é ir convocando ao longo das próximas semanas ao resto dos grupos dos Obradoiros da Memoria, ao que se sumarán aquelas persoas maiores de 60 anos que desexen participar e se inscriban no Concello (981 820 494). As datas fixaranse de acordo coas posibilidades de asistencia tanto dos maiores como dos voluntarios da Cruz Vermella.
A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, amosouse moi satisfeita coa boa acollida que esta iniciativa tivo entre os maiores do municipio. “Sen embargo decatámonos que cun único obradoiro non é suficiente para que os nosos maiores lle saquen todo o partido aos seus móbiles pero si que puidemos comprobar que tiñan moito interese en descargarse aplicacións ou en conectarse a redes sociais, polo que imos ver de organizar unha actividade máis continua sobre manexo de dispositivos móbiles unha vez que rematemos estes obradoiros coa Cruz Vermella”, explicou a alcaldesa lousamiá.
Este curso está enmarcado dentro da colaboración do Concello de Lousame e a Cruz Vermella, que ao longo do ano se traduce en actividades a prol do envellecemento activo da veciñanza co obxectivo de conseguir beneficios físicos e psíquicos para os maiores. As últimas iniciativas realizadas foron os obradoiros de máscaras de Entroido e os talleres de decoración de Nadal, que rexistraron unha participación media de máis de cincuenta persoas.