O número de participantes que poden inscribirse na proba, que se celebrará o 31 de decembro, a partir das 17.00 horas, aumenta ata os 2.500 atletas
O Concello, a través da área de Educación, Deportes e Xuventude que dirixe Francisco Mourelo, e o Club Rialto organizan a V Carreira Popular San Silvestre, que se celebrará o 31 de decembro, ás 17.00 horas, con saída dende OParrote e percorrido por lugares emblemáticos da cidade como o Castelo de San Antón, o paseo marítimo ou a Torre de Hércules. O número de corredores que poden participar ampliouse este ano ata os 2.500, fronte aos 2.000 da pasada edición, os 1.250 de 2012 ou os 500 da primeira cita hai cinco anos.
A Carreira Popular San Silvestre converteuse nun sinal de identidade no calendario nacional das carreiras populares, celebrándose nas cidades máis importantes do país. Ademais, a súa celebración será unha nova oportunidade para potenciar a aposta do Goberno municipal polo fomento do deporte e os hábitos saudables, en especial entre os máis novos; divulgar e promover a cidade a través dunha carreira de carácter festivo; e convertela nun referente a nivel galego e o norte de España, á vez que se completa o calendario de carreiras coruñés.
A V San Silvestre consta de 7,7 quilómetros de percorrido e estableceranse, ademais da clasificación absoluta, outras sete categorías tanto en homes coma en mulleres:
– Promesa: 16 -19 anos.
– Sénior: 20 -29 anos.
– Veteranos A: 30 -40 anos.
– Veteranos B: 41 -50 anos.
– Veteranos C: 51 -60 anos.
– Veteranos D: 61 anos en diante.
– Mellor disfrace: todas as idades.
O Club Rialto e a Concellaría de Deportes, que entregarán trofeos aos tres primeiros clasificados de cada categoría e da proba absoluta e mellor disfrace, contarán durante a celebración da carreira co apoio de voluntarios de ambas as dúas entidades, así como efectivos de Protección Civil, Policía Local e persoal sanitario.
As persoas interesadas en participar poden formalizar a súa inscrición a través das páxinas web www.championchipnorte.com ewww.sansilvestrecoruna.com, cun prezo de 12 euros por participante -10 euros se xa posúe o chip-. A retirada dos números e os chips poderá realizarse no centro Aqua Complexo de Elviñadurante os días 29 e 30 de decembro.