Friday 22 de November de 2024

A sala de exposicións de Brión acollerá ata o 20 de abril a mostra de escultura “Imarxinacións”, de Fran Lareo


Unha trintena de persoas asistiu esta fin de semana en Brión á inauguración da exposición “Imarxinacións”, do artista Fran Lareo (Brión, 1966), que poderá visitarse na sala municipal de exposicións do Concello de Brión ata o vindeiro 20 de abril. Unha mostra inaugurada polo alcalde de Brión, José Luís García, quen estivo acompañado polo escritor Alfredo Conde e o propio artista.

José Luís García salientou a súa satisfacción por que “quen abre esta temporada de exposicións 2018 sexa un veciño deste municipio” e por que “é a primeira exposición integramente de escultura que inauguramos nesta sala”. Neste sentido, asegurou que “non deixa de ser sorprendente que, despois de 20 anos traballando aquí ao lado, hoxe sexa a primeira exposición individual que Fran Lareo protagoniza en Brión. É un dato que tiven que comprobar porque o certo é que ten participado en moitas exposicións colectivas pero hoxe é a primeira que podemos contemplar a súa obra en solitario”.

Unha mostra que está composta por tres esculturas iniciais en pedra, 47 esculturas en miniatura en madeira e outras 35 obras elaboradas cun material a cabalo entre a pedra e a cerámica cunha composición química que unicamente Lareo coñece. Unhas pezas que “son as miñas ideas levadas a un material que sigo traballando e investigando”, apuntou Fran Lareo, quen salientou que “expoño todo o meu traballo inicial ademais dun conxunto de novas esculturas”.

Fran Lareo (Brión, 1966) é un escultor autodidacta que comezou a realizar estas esculturas de pequeno formato en 1998, traballando cada peza sen ningún tipo de molde e decorándoas posteriormente no seu obradoiro na avenida de Santa Minia. Ten participado en numerosas exposicións tanto individuais como colectivas por toda Galicia, se ben esta será a primeira vez que expoña en solitario en Brión. Tamén ten participado en exposicións colectivas a nivel internacional, como en Figueira da Foz (Portugal) ou en Milán (Italia).