Monday 25 de November de 2024

Montse Fajardo volve a San Sadurniño para presentar as súas dúas últimas obras


A autora manterá este xoves pola tarde un encontro coa mocidade do CPI para falar de “Un cesto de mazás” e logo, ás 20.30h., presentará na Casa da Xuventude o seu último libro: “Invisibles”

A escritora e xornalista Montse Fajardo andará este xoves por San Sadurniño para presentar os seus dous últimos libros. Entre as 15.20 e as 16.50h. manterá un encontro coa rapazada da ESO do CPI na Casa da Cultura para falar de “Un cesto de mazás”, no que se recupera a memoria das mulleres que tamén foron vítimas silenciosas da Guerra Civil e, posteriormente, a iso das 20.30h. fará o propio con “Invisibles” na Casa da Xuventude, aínda que xa nun acto aberto a toda a veciñanza. Fajardo mantén unha traxectoria temática constante na súa obra literaria, situada entremedias da narrativa, o xornalismo e o ensaio co nexo común de visibilizar a loita da muller. Unha constante que, no caso de “Invisibles”, se ocupa das repercusións da violencia machista no entorno familiar.

A escritora xa estivera o pasado mes de setembro en San Sadurniño para presentar o libro “Matriarcas. Mulleres en pé de vida”. O libro recolle as biografías de dez mulleres galegas que coas súas vivencias destripan o matriarcado que sostiña a sociedade galega de posguerra.

En “Un cesto de mazás. Memoria das vítimas do 36 e do tempo que veu” -a súa segunda obra-, Fajardo volve mirar atrás para darlle voz ás mulleres repudiadas e humilladas pola sociedade durante e despois da Guerra Civil porque, tal e como afirma a autora “detrás de cada persoa fusilada ou asasinada nunha cuneta hai un ronsel doutras vítimas que moitas veces nin sequera son consideradas como tal”, caso das “viúvas obrigadas a sacar adiante soas aos seus. Criaturas orfas que non volven á escola porque nela non poden entrar as ‘fillas dos roxos’. Nais que saen pola noite pasear por rúas escuras porque din os vellos que a Santa Compaña anda cos mortos e elas queren ver ao seu fillo fusilado unha vez máis…”

O terceiro libro desta xornalista reconvertida en escritora tras quedar desempregada aborda a visibilización das mulleres vítimas de violencia machista e das repercusións que ten no seu entorno esta situación, principalmente nos seus fillos e fillas. En “Invisibles” lense e vense sete historias reais contadas en primeira persoa ás que Fajardo chegou por medio dos Centros de Información á Muller pontevedreses. O libro busca mostrar o que está oculto, esa “viaxe ao terror” que supón convivir cun maltratador, pero tamén lanza unha mensaxe de esperanza e de superación na que a sociedade debe desempeñar dous papeis fundamentais: non mirar para outro lado e brindarlles apoio ás vítimas.

A escritora manterá na tarde deste xoves un encontro coa mocidade do CPI para falarlles de “Un cesto de mazás…” e, posteriormente, presentará “Invisibles” na Casa da Xuventude. Será nun acto aberto ao público organizado pola área de Igualdade que comezará ás 20.30h.