Friday 22 de November de 2024

Alberto Núñez Feijoo subliña que “Noia é o Portus Apostoli do Camiño de Santiago, a porta de entrada de viaxeiros atraídos pola chamada espiritual da nosa terra”


O presidente da Xunta presidiu o acto institucional de celebración do 850 aniversario da Carta Pobra de Noia, que marca o nacemento da vila

“Noia está de cumpreanos”. Con estas palabras o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, abriu a súa intervención no acto de conmemoración do 850 aniversario da Carta Pobra de Noia, que encheu as case 350 butacas do Coliseo Noela. Un acto no que Núñez Feijóo amosou o seu apoio ao recoñecemento e oficialización do Camiño Inglés pola Ría de Muros-Noia como ruta Xacobea.

De feito, o presidente da Xunta chegou a afirmar que “Noia é o Portus Apostoli dese Camiño de Santiago; a porta de entrada de viaxeiros atraídos pola chamada espiritual da nosa terra” e mesmo citou as cartas dos cruzados Osborne e Arnolfo, que no ano 1147 falan da chegada de ata duascentas naves con viaxeiros con destino a Compostela.

Un feito no que coincidiu o alcalde de Noia, Santiago Freire, quen salientou que “estamos orgullosos de cumprir 850 anos” e que “de carra ao futuro o desafío é ese recoñecemento do Camiño, do Portus Apostoli que fará posible que unha porcentaxe dos peregrinos que visitan Santiago recalen tamén nesta vila e nos concellos da ría de Muros-Noia. Incluso que os que viaxan a Fisterra poidan volver a Santiago por unha ruta cultural a través de Noia”.

Un desexo que tamén foi compartido polo concelleiro de Cultura, José Perez, quen salientou que “unha parte da nosa historia está pendente de ter o seu máis que merecido recoñecemento”. Pola súa banda, o historiador Xerardo Agrafoxo, indicou que “a Carta Pobra é un punto importante na historia de Noia porque nos sitúa no mapa, crea un burgo, dálle vida ao Portus Apostoli e dalle vida a un punto do Camiño Inglés”. Así mesmo, explicou que “o Portus Apostoli é un pequeno peirao na Barquiña onde se recibían as mercadorías que ían a Santiago e onde chegaban os peregrinos que viñan ao Camiño Inglés”.

Noia: triunfo da xenofilia, da empatía e a hospitalidade

O presidente da Xunta referiuse hoxe a Noia como a proba de que Galicia é un pobo cheo de empatía, hospitalario e cunha historia, feita e vivida polos galegos, que nos une. “Noia é o triunfo da xenofilia, da empatía e a hospitalidade”, aseverou. Durante o acto de conmemoración do 850 aniversario da Carta Pobra do Concello de Noia, Feijóo asegurou que Galicia chega a estas alturas do século XXI como un país rico en experiencias, pero non ancorado no pasado; “histórico pero en incesante transformación”, incidindo en que Galicia respecta a súa historia e atopa nela un espazo común.

Nesta liña, aseverou que nunca louvaremos dabondo a circunstancia de ter un Día de Galicia sen reminiscencias bélicas, nin alusións a inimigos, nin referencias a vitorias ou derrotas no campo de batalla; “nin a lucidez dos que converteron en himno de todos un poema fermoso que equipara a liberdade do noso país cun espertar”, dixo, recordando e valorando, tamén, o feito de que a nosa gran contribución á historia de España e de Europa sexa un Camiño no cal millóns de peregrinos dialogan “nesa autovía cultural que son os camiños de Santiago”.

O responsable do Executivo galego concluíu afirmando que a celebración desta conmemoración constata que, no gran mosaico da cultura e do pensamento de occidente, existen trazos indiscutiblemente galegos. “Se Fernando II estivera aquí, sentiríase moi orgulloso desta efeméride”, engadindo que “o Portus Apostoli goza de boa saúde”.

Agradecemento á sociedade noiesa

Pola súa banda, Santiago Freire comezou a súa intervención agradecendo a asistencia das case 350 persoas que encheron o Coliseo Noela, entre autoridades, representantes do tecido asociativo local e veciños/as. De feito, o seu primeiro agradecemento foi aos alcaldes que o precederon no cargo, algúns deles presentes hoxe no Coliseo noiés: Xesús Díaz Fornas, Pastor Alonso Paz (ausente), Bieito González Domínguez (ausente), Mari Carmen Abeijón García, Rafael García Guerreiro (ausente), Antonio Pérez Ínsua e Miguel Paz Barreiro. Deles salientou que “todos tiveron como obxectivo traballar por Noia e todos eles contribuíron a facer de Noia unha vila mellor, unha vila que ten 850 anos de historia”.

Así mesmo, Freire Abeijón tivo palabras de agradecemento para “os axentes sociais pola súa colaboración e as súas propostas. Grazas ao seu traballo foi posible que recolleramos esas propostas e intentemos materializalas, polo que moita parte dos logros conseguidos dependen deses axentes veciñais, económicos, culturais e deportivos de Noia”. Finalmente, o alcalde salientou que “Noia é un lugar privilexiado para vivir, cun elemento patrimonial moi atractivo” e indicou que de cara ao futuro “temos que manter e reforzar o vínculo con Compostela”.

Carta Pobra

Finalmente, o historiador Xerardo Agrafoxo, fixo un breve adianto da súa conferencia “A Carta Pobra de 1168”, que se poderá seguir ao completo ás 20:30 horas no marco das “Xornadas das Historia” no Coliseo Noela. Agrafoxo puxo de manifesto que “Noia foi unha das cidades máis antigas de Galicia e, no seu tempo, das máis importantes do territorio do Señorío de Santiago”. Así mesmo, fixo fincapé na importancia da Carta Pobra outorgada por Fernando II o 9 de abril de 1168 xa que “significa que o Rei lle cede moito poder ao arcebispado de Santiago”.

Neste sentido, indicou que esta carta di que o Rei lle outorga a Noia tres poderes. “Di ao Arcebispado de Santiago que pode edificar un porto e un burgo”, explicou Agrafoxo, “que os veciños de Noia serán vasalos dese Arcebispado e di que eses vasalos serán gobernados segundo o Foro de Compostela”.

Escultura

O acto concluíu coa inauguración dunha escultura conmemorativa do 850 aniversario da fundación de Noia, elaborada polo artista local Alberto Rodríguez Louro, emprazada na praza da Porta da Vila, que inclúe tanto a cuncha dos peregrinos como reproducións dalgunhas das pezas máis importantes do patrimonio histórico da vila.

Os actos institucionais estiveron presididos polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e contaron coa presenza do subdelegado do Goberno, Jorge Atán; o delegado da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro; as alcaldesas de Lousame, Teresa Villaverde; e Outes, Beatriz Molinos; os alcaldes de Porto do Son, Luís Oujo; e Rianxo, Adolfo Muíños; así como os practicamente todos os concelleiros e concelleiras da actual corporación municipal de Noia. Así mesmo, asistiron representantes das asociacións veciñais, culturais, deportivas e económicas da vila.

Programación

Este acto abre un programa especial de actividades conmemorativas que se estenderá ao longo de todo o ano e que comezará coa exposición do facsímile da Carta Pobra de Noia, cedida polo Cabildo da Catedral de Santiago de Compostela. Unha mostra que poderá visitarse no salón de plenos de Noia entre o 10 e o 21 de abril. Así mesmo, entre o 9 e o 20 de abril, a sala de exposicións do Coliseo Noela acollerá a mostra “Noia prima. Totum Bonum”, de Domingo Filgueira Lado.

E hoxe mesmo, o Coliseo Noela acollerá, ás 20:30 horas, a primeira das cinco ponencias incluídas no programa das Xornadas da Historia. A charla correrá a cargo de Xerardo Agrafoxo e versará sobre “A Carta Pobra de 1168”. Estas xornadas continuarán durante toda a semana, no mesmo lugar e á mesma hora, e son de entrada libre e de balde. As ponencias son: “Noia e Compostela: historia de dous topònimos”, do historiador Clodio González Pérez (martes 10); “A orixe medieval do Portus Apóstoli”, do xeógrafo Pedro García Vidal (mércores 11); “Totum Bonum e o seu territorio”, da arqueóloga Manuela Pérez Mato (xoves 12); e “O periplo de Arnolfo”, a cargo da escola de danza Oitos dirixida por Verónica Martínez.