As contas reflicten un investimento de 1.200.000 €. A licitación prevese para este ano e a finalización do proxecto para 2019. Martínez Sanjurjo considera a nova vía de comunicación “unha nova oportunidade de crecemento ao conectar de un modo mais seguro o polígono industrial e a autoestrada”
Os Orzamentos Xerais do Estado reflicten un investimento de 1.200.000 € para a construción da nova rotonda e paso inferior na N-550, concretamente na entrada de Ordes dirección Santiago.
“Trátase do primeiro paso para chegar a facer realidade este proxecto tan necesario no só para a veciñanza de Ordes, senón para o tecido empresarial e comercial, así como para os peóns, condutores e condutoras que transitan pola nosa vila”, asegura o alcalde José Luis Martínez Sanjurjo. “Deste xeito conseguimos darlle unha conexión segura á Rolda Leste coa N-550, vital para o desenvolvemento industrial e económico do noso municipio. Hai que entender este proxecto como unha nova oportunidade de crecemento por conectar o polígono industrial e a autoestrada de maneira eficiente coa dinamización da vila”.
O rexedor ordense considera que a inclusión deste proxecto nos Orzamentos Xerais “vén demostrar que o inxente traballo realizado ata o día de hoxe non foi en balde e que se fixo de xeito correcto por parte do Concello de Ordes”. A partir de agora apela á confianza á hora de falar do cumprimento dos prazos estipulados que marcan a licitación da obra neste mesmo ano. “Non podemos esquecer que estes orzamentos aínda non están aprobados e en breve someteranse a votación na Cámara Baixa” puntualiza. As contas feitas públicas amosan unha partida de 500.000 € e outra de 700.000 € para os anos 2018 e 2019 respectivamente.
Maior seguridade na N-550
Con esta nova infraestrutura resolveranse os problemas provocados polo elevado tránsito de vehículos, especialmente os pesados, que rexistra esta vía que conecta coa AC-524 (Ordes-Lanzá) e dá acceso a autoestrada AP-9. Destácase a falta de seguridade na intersección entre a estrada nacional e a variante sur de Ordes, aspecto que se resolve coa construción da dita glorieta. Esta terá un diámetro exterior de 38 metros e disporá de dous carrís de 4,5 m e beiravía interior e exterior dun metro, o que suporá un total de 11 m de anchura destinados á circulación. A obra permitirá, ademais, darlle continuidade e unir o carril bici e o paseo xa existentes cos situados na marxe esquerda da N-550. O tramo da senda será de 6 m en total, 3 m para as bicicletas e outros 3 para os peóns.
Co fin de incrementar a eficiencia do proxecto, levarase a cabo a construción dun paso inferior de 25,5 m de lonxitude, 6 m de ancho e 2,6 m de gálibo, e estenderanse novas capas de firme nas zonas de sobreancheado. Ademais do repintado e a sinalización pertinente instalaranse 40 novos puntos de luz, 5 pantallas estancas antivandálicas no subterráneo e 4 proxectores na zona central da glorieta.
Tamén se construirán 2 novos sendeiros. Un de 2,5 m que irá dende a marxe dereita ata o río Cabrón, enlazando coa senda e o carril bici procedentes da AC-524. Outro terá 2 m e estará a carón do río. Ambos comunicaranse a través dunhas escaleiras realizadas con travesas de ferrocarril. A área será acondicionada mediante a plantación de árbores e céspede nos noiros, ademais do estendido de terra vexetal.
Reunión en Fomento
En xaneiro deste ano José Luis Martínez Sanjurjo desprazouse a Madrid onde mantivo unha xuntanza co director xeral de Estradas do Estado, Jorge Urrecho Corrales, no Ministerio de Fomento. Un encontro do que xa destacara no seu día o “ alto nivel de entendemento e receptividade por parte do representante ministerial”. Non era a primeira vez que se falaba desta nova vía de comunicación cun alto mandatario. Foi no verán de 2015 cando o alcalde tivera ocasión de amosarllo persoalmente ao presidente do Goberno na súa visita a Ordes. Xa nese momento Mariano Rajoy manifestou o seu compromiso e implicación con este tema de maneira pública.