Friday 22 de November de 2024

O Concello de Noia pon en marcha un plan de prevención contra as raíñas de velutina no que buscará a colaboración de municipios veciños


A concelleira de Medio Ambiente e o xefe de Protección Civil impartiron onte unha charla informativa sobre o control da vespa velutina e repartiron as primeiras trampas “vespa catch” entre os asistentes

Preto de medio cento de persoas, na súa gran maioría apicultores/as, asistiron na noite de  venres á charla informativa sobre o control da vespa velutina celebrada no salón de plenos do Concello de Noia. Unha charla que foi impartida polo xefe do servizo de Protección Civil de Noia, Eduardo Moledo, e a concelleira de Medio Ambiente e Protección Civil, Ángela Neri Arufe.

Eduardo Moledo e Ángela Neri aproveitaron para presentarlles a campaña de prevención contra as raíñas de velutina que vai levar a cabo o Concello noiés e intercambiar opinións cos numerosos apicultores presentes, que explicaron os graves problemas que esta especie invasora está a causar tanto nas súas colmeas coma nas árbores froitais. Todos coincidiron na idoneidade da campaña do Concello de Noia, xa que coincide co momento no que as raíñas de velutina comezan a conformar os seus niños primarios.

“Isto é un plan de prevención sobre as raíñas, para tentar que non se reproduzan máis”, explicou Ángela Neri, quen salientou que “a clave agora é que non haxa niño. E para iso hai que cazar á raíña. Cada raíña que collamos agora será un niño menos”. Unha medida que aplaudiron os presentes, quen chamaron a atención sobre a necesidade de que non só Noia faga este tipo de actuacións preventivas pois, como sinalaron, as velutinas non entenden de fronteiras municipais. Por iso, Ángela Neri comprometeuse a dar traslado da iniciativa aos municipios veciños para tratar de implicalos na campaña, “así como aos colexios, para ensinarlles tamén aos nenos e nenas a elaborar trampas caseiras”.

Reparto de trampas

Pola súa banda, Eduardo Moledo, explicou que o Concello de Noia adquiriu 200 trampas, modelo “Vespa Catch”, e 600 atraentes para loitar contra a velutina. Unhas trampas que “doadas de colcoar, de cor amarela, que as atrae moito, e cun líquido atraente que maximiza a captura de velutinas sen afectar ás abellas”, indicou o xefe de Protección Civil de Noia. Así mesmo, explicou como colocar as trampas cun gancho que trae a propia “Vespa-Catch” e como elaborar o líquido para atraer ás vespas: 200 cl de auga, 50 gramos de azucre e 10 ml de atraente.

Así mesmo, explicou que a intención de Protección Civil é de facer un seguimento a todas as trampas que se coloquen polo municipio, para valorar a súa eficacia, polo que solicitou a colaboración da veciñanza para a súa colocación. De feito, os presentes xa levaron numerosas trampas, azucre e líquido atraente para comezar dende xa a colocalas. Para iso tiveron que deixar os seus datos de contacto e indicar onde ían colocar cada unha das trampas.

A “Vespa Catch” é un modelo francés de trampa simple e eficaz, que se coloca con facilidade grazas a un gancho incluído na súa confección. O atraente é unha solución completamente natural e sen insecticida, baseado en extractos vexetais. Segundo os cálculos da empresa fabricante, Véto-pharma, é quen de capturar unhas 13 velutinas en tan só 48 horas, chegando aos 87 exemplares en 8 días, fronte as 27 que se capturan de media con trampas artesanais.