Xa de saída, a previsión económica destina máis de 67 millóns de euros a actuacións nos municipios
O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, presentou o orzamento do ano 2015, que suma 171.334.100 euros e que rexistra un incremento dun 9% con respecto ao deste exercicio. Calvo falou dun presuposto “realista, con vontade de crecer, que recupera os niveis de antes da crise económica e o primeiro elaborado sen obrigas financeiras porque a Deputación cancelou hai uns meses a súa débeda”.
A grande novidade do orzamento que aprobará o pleno o próximo xoves é a creación do PAI, un Plan de Aforro e Investimentos dotado con 25 millóns de euros para a concesión de préstamos a interese cero aos concellos e cun período de devolución de máis de 10 anos, con un ou dous de carencia. Baseándose nuns criterios de reparto obxectivos, a institución provincial tan só fixará unha condición, que os concellos con débeda financeira destinen da cantidade que reciban unha porcentaxe igual a sanear o seu concello. O resto poderá dedicarse a investimentos.
Nunha rolda de prensa na que estivo acompañado polo deputado responsable da área de Facenda, Manuel Ruíz Rivas, Calvo citou o Plan de Obras e Servizos (POS) como “un dos máis importantes das deputacións de toda España”, xa que está dotado con 24,2 millóns de euros fronte, por exemplo, aos 900.000 do de Lugo e “respecta totalmente a autonomía municipal xa que son os concellos os que deciden se destinar os cartos a gasto corrente ou a investimentos”.
Sumando os dous plans provinciais que incorporamos no orzamento, as partidas destinadas a outros investimentos, o plan para obras medioambientais en concellos de menos de 20.000 habitantes (un millón), as obras viarias, o plan de conservación de estradas provinciais (11,1 millóns), o plan de travesías (2,4) ou o plan de sendas peonís (2,5), “resulta que do total do orzamento, máis de 68 millóns de euros irán destinados directamente aos concellos”, explicou Diego Calvo, que lembrou que nos últimos anos “a Deputación da Coruña dedicou máis de 300 millóns de euros a axudas aos 93 concellos da provincia”.
Apoio aos Servizos Sociais
O orzamento da Deputación, que rebaixa os gastos de persoal ao 22% do total, manterá, como fixo o goberno provincial nos últimos tres anos, a blindaxe das partidas destinadas tanto a proxectos como investimentos de Servizos Sociais. Calvo sinalou que “non estamos a falar dunha liña vermella, senón dun incremento importantísimo que, no caso da convocatoria de subvencións a entidades sen ánimo de lucro multiplicouse por dous nos últimos anos”. No caso do apoio aos concellos, este aumento é de preto dun 60% con respecto ao exercicio 2012.
“A partida destinada a subvencións para entidades sociais sumaba 999.443 euros no ano 2012, e o 2014 pecharase con 1.750.758,66 euros. No caso das axudas aos concellos, cando chegamos ao goberno había consignados 2,5 millóns de euros e hoxe pasamos dos 6 millóns para os servizos sociais municipais”, explicou o presidente provincial.
Máis control nas bases de execución do orzamento
Outra novidade que incluirá o orzamento está nos mecanismos de control reflectidos por primeira vez nas bases de execución. Así, para a concesión de subvencións provinciais teranse en conta cuestións como o número de socios de cada entidade. Ademais, crearase unha comisión avaliadora da que formarán parte todos os grupos políticos e técnicos provinciais.
No caso dos contratos menores, a Deputación da Coruña irá moito máis aló do que esixe a lei, publicará os pregos no perfil do contratante da páxina web e contactará con máis de cinco empresas cando o número mínimo establecido é de tres. Nas mesas de contratación, os representantes dos grupos da oposición contarán con voz e voto na toma de decisións. No que respecta ás obras que realiza a Deputación, refórzase o control da calidade a través de mecanismos de inspección por parte dos técnicos provinciais.