Desenvolverase durante a mañá e poderán participar deportistas federados das categorías Júnior e Máster 30, 40, 50 e 60. As inscricións e o seu pagamento deberán realizarse o mesmo día da competición
Este próximo domingo, 8 de abril, terá lugar o I Trofeo Ciclista Concello de Ordes. Unha proba dirixida ás persoas pertencentes ás categorías Júnior e Máster 30, 40 50 e 60. A proba está inscrita dentro do calendario da Federación Galega de Ciclismo, e nela poderán participar corredores e clubs coa licenza federativa en vigor.
Está previsto que a carreira dea comezo a partir das 10.30 horas, polo que as inscricións e o pago da cota de 10 euros se realizarán o mesmo domingo dende as 9 horas. O percorrido será de 74,60 quilómetros, sendo o mesmo para todas as categorías. Este partirá e finalizará no mesmo Concello, situado na avenida Alfonso Senra. Haberá dúas metas volantes, a primeira no quilómetro 33,6 e a segunda no quilómetro 56, sendo imprescindible a finalización da proba para proclamarse co premio destas.
O I Trofeo Ciclista Concello de Ordes inclúese dentro da III Challenge do Club Ciclista Asociación Galega de Ciclismo, a cal consta de tres probas que puntuarán entre todas para proclamar o vencedor ou vencedora final. Estas serán as dos concellos da Estrada e O Pino, previstas para o 15 de abril e 6 de maio respectivamente. Para poder optar aos premios finais da xeral será imprescindible participar en todas elas.
A proba está organizada polo CCAGC en colaboración co Concello de Ordes.
Cortes de tráfico
Para o seu correcto desenvolvemento contarase coa presenza e colaboración dos corpos da Policía Local de Ordes e da Garda Civil de Tráfico. O domingo de 9 a 15 horas levaranse a cabo os cortes e desvíos de tráfico necesarios para o desenvolvemento da proba con todo tipo de garantías.
DESVÍOS PROVISIONAIS
Sentido Santiago – A Coruña:
Alfonso Senra (N-550), Lagartos, prolongación Lagartos, Galicia, Camposanto, Casabella, Alfonso Senra (N-550).
Sentido A Coruña – Santiago:
Alfonso Senra (N-550), Rosalía de Castro, Lagartos, Alfonso Senra (N-550).
Rolda Leste:
Especialmente recomendado para persoas usuarias en tránsito.
O itinerario transcorrerá polas estradas de Mercurín, Cerceda, Xesteda, Carballo, O Valado, rúa Mediodía e N-550, tramos nos que irán acompañados de unidades da Garda Civil de Tráfico.