Friday 22 de November de 2024

A Casa da Cultura de Lousame acolle este venres e sábado unhas charlas gratuítas sobre actividade física e saúde


Serán inauguradas mañá venres, ás 20:30 horas, polo presidente do Club Lousame Deporte, Néstor Romero, e a concelleira de Deportes, Maria Regenjo

A Casa da Cultura de Lousame acollerá mañá venres 6 de abril e o sábado 7 de abril unhas charlas gratuítas sobre actividade física e saúde abertas a todas as persoas que desexen aumentar os seus coñecementos sobre nutrición, hábitos saudables, primeiros auxilios e prevención e tratamento de lesións deportivas. Unhas xornadas de participación libre e gratuíta que serán inauguradas mañá venres, ás 20.30 horas, polo presidente do Club Lousame Deporte, Néstor Romero, e pola concelleira de Deportes, María Regenjo.

Acto seguido terán lugar formativas. A primeira, titulada “Prevención, diagnose e tratamento”, xirará en torno ao tratamento de lesións deportivas e será impartida por Javier Fernández Neira, fisioterapeuta e osteópata da Clínica Fisioterapia Cinesia. Ás 21:20 horas terá lugar a charla sobre “Nutrición no Deporte”, impartida por Miguel Pereira, adestrador persoal e asesor nutricional no centro Pro-Fitness en A Estrada, que no 2017 foi finalista da segunda edición dos Premios Vlogger, que recoñece aos mellores videobloggers nacionais.

Xornada de sábado

As charlas do sábado 7 de abril abriranse ás 19:30 horas coa ponencia “Primeiros auxilios no deporte”, a cargo de Antón García Rachou, enfermeiro da Cruz Vermella de Noia. Ás 20:30 horas, a nutricionista da Farmacia de Portobravo, Olaya Fernández Seijas, falará sobre “Cambios de hábitos na túa alimentación”. Ás 21:30 horas pecharanse as xornadas coa ponencia “A importancia da actividade física na sociedade actual”, a cargo de Iyán Iván Bargaño, graduado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte e ex-preparador físico no Real Club Deportivo da Coruña (fútbol base).

Estas xornadas pretenden conmemorar a celebración dos días internacionais da Actividade Física (6 de abril) e da Saúde (7 de abril) e están organizadas polo Club Lousame Deporte, en colaboración co Concello de Lousame, coa Cruz Vermella de Noia, coa Clínica Fisioterapia Cinesia e a Farmacia de Portobravo. Ademais, conta coa colaboración do Cafe-Bar Lousame, Paco´s Moda, Canaltec, Autos Comparado, Silmaplast, Autos Patiño Noia, Muebles Muñiz, Lolita Moda, Construccións Soñora Fernández, SCG Xestión de Seguros, Deportes Casais, Rekord Sport, Orixinal Imaxen e Excavaciones M. Rodríguez.