A iniciativa desenvólvese de xeito conxunto con Vedra e oferta tres estancias dirixidas á mocidade nada entre 2000 e 2006
O Concello de Boqueixón vén de abrir o prazo de inscrición para a súa oferta da Acción de Verán 2018. Desenvolvido de xeito conxunto con Vedra, este plan contempla tres campamentos estivais: o infantil (nados/as de 2006 a 2009, ambos inclusive), o xuvenil (nados/as de 2002 a 2005, ambos inclusive) e o Recreando (nados/as entre 2000 e 2004, ambos inclusive). Nos dous primeiros casos, o prazo de solicitude estará aberto ata o 27 de abril, mentres que no campamento Recreando esténdese ata o 20 de abril.
Os campamentos dirixidos á poboación infantil e xuvenil desenvolveranse nas instalacións de O Terrón (Vilanova de Arousa) do 1 ao 8 de xullo. O primeiro grupo aloxarase en apartamentos e o segundo estará en bungalows. O prezo de cada unha destas actividades é de 185 euros.
Para a mocidade nada de 2000 a 2004, ofértase o campamento Recreando. Este contempla unha viaxe do 8 ao 15 de xullo. Os participantes pasarán 3 días en Salou (cunha visita a Port Aventura) e 4 no campamento Benicarló. A actividade ten un custo de 165 euros. O prezo non inclúe nin vóo nin entrada ao parque de PortAventura.
Dende o Concello de Boqueixón organizarase o próximo martes 10 de abril unha reunión informativa sobre o campamento Recreando. Desenvolverase no local social de Lestedo ás 20.00 horas.
Inscricións
As inscricións deberán realizarse na Oficina Municipal de Información á Xuventude (OMIX) de Boqueixón. Para máis información, pódese chamar ao teléfono 981 513 115 ou enviar un correo electrónico a cultura@boqueixon.com.
Para formalizar as inscricións para os campamentos da Acción de Verán’18 cómpre presentar a ficha de inscrición (dispoñible na web municipal) e o resgardo de pagamento, ata 10 días antes da actividade. O ingreso debe realizarse na conta do Concello de Vedra de ABanca ES44 2080 0330 1731 1000 0020. En caso de non entregar o xustificante de ingreso, procederase á baixa automática na actividade.
As prazas son limitadas e sempre terán preferencia os mozos e mozas empadroados. Ademais, contémplanse descontos nos campamentos infantil e xuvenil para o segundo fillo que se inscriba na mesma actividade (25%), para o terceiro fillo (50%) e para o cuarto fillo (de balde).