Friday 22 de November de 2024

Carral acolleu un novo encontro aberto sobre as liñas de axudas para vivendas da consellería de infraestruturas


O executivo impulsa programas para áreas de rexeneración urbana, ascensores, préstamos de xuros preferentes e o Plan de Vivenda do Estado, entre outros

A Delegación Territorial da Xunta de Galicia na Provincia da Coruña segue a celebrar unha serie de encontros abertos para dar a coñecer as diferentes liñas de axudas que mantén abertas en materia de vivenda, a través da Consellería de Infraestruturas. Celebrouse unha nova xuntanza, que tivo como escenario o albergue de peregrinos de Sergude, no concello de Carral, e contou coa presenza do delegado, Ovidio Rodeiro, e máis do alcalde, José Luis Fernández Mouriño,

Están previstas reunións similares nas comarcas de Arzúa, O Barbanza, Bergantiños, Betanzos, Eume. Ferrol, Fisterra, Muros, Noia, Ordes, Ortegal, Sar, Terras de Melide, Soneira ou Xallas. Nestas xornadas, abertas ao público, os técnicos informarán das axudas que a Xunta pon a disposición dos veciños a través de programas como as Áreas de Rexeneración e Renovación Urbanas, as axudas específicas ás vivendas dos Camiños de Santiago, as diferentes opcións de acceso a préstamos preferentes, mesmo de xuro cero, ou as medidas que o Ministerio de Fomento acaba de lanzar dentro de Plan de Vivenda, entre outros.

No ano 2017 a Xunta de Galicia abriu ate 11 liñas diferentes de axuda a merca, alugamento e rehabilitación de vivendas, con especial énfase nas actuacións para persoas en situacións de risco social. As xornadas, de acceso libre, están especialmente pensadas para comunidades de propietarios, administradores de fincas, xestores de comunidades, asociacións veciñais e colectivos que estean a traballar en materia de inclusión e servizos sociais.